Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Denuncian o peche da planta de Medicina Interna no Hospital da Mariña durante o verán

Por 11 Abril, 2024Sin comentarios

O máximo órgano de representación dos traballadores e traballadoras considera que o peche da planta de Medicina Interna durante o verán no Hospital da Mariña carece de calquera xustificación técnica posible e que tan só obedece a “unha política sanitaria de recortes do Partido Popular que busca o desmantelamento da sanidade pública na nosa comarca”.

Segundo sosteñen, a dirección do Hospital xustifica o peche destas camas pola falta de persoal de Enfermaría, unha situación xerada pola propia dirección. “O persoal de enfermaría, sinalan, ‘fuxiu’ a outros territorios como Asturias ou País Vasco, en busca dun futuro laboral mellor, onde se lles garante estabilidade”, afirman.

Este peche de camas terá consecuencias para os pacientes e suporá o incremento das derivacións ao HULA, ao non existir camas libres no hospital de Burela. Unha práctica que se leva facendo durante os últimos meses “e que está a provocar o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por mor dunha mala planificación da dirección nun hospital que acaba de ser ampliado”.

Incremento das listas de espera

Estas medidas tamén provocan un incremento das listas de espera fomentando a derivación de doentes á sanidade privada para cumprir a Lei de Garantías. Pero o peche de camas tamén terá consecuencias para os profesionais que serán desprazadas a outros servizos e unidades. “Os calendarios laborais que tiñan asignados decaen, tirando pola borda toda a planificación que tiñan feita para a súa vida persoal durante o verán, provocando entre as traballadoras cabreo, indignación e un incremento do desexo de abandonar o Hospital da Mariña.

A Xunta de Persoal sostén que durante o período estival non pode diminuír a actividade asistencial porque “as poboacións das zonas de costa, como mínimo, se duplican nesa época e os pobos do interior da comarca tamén se enchen cos centos de persoas que veñen de fóra”. Argumenta, ademais, que as persoas “tamén enfermamos no verán”. Pechar camas e diminuír a actividade “non é nin de lonxe unha boa xestión, simplemente é unha medida que só busca o aforro económico e que vai privar de asistencia sanitaria de calidade durante o verán aos mariñaos e mariñás”, finalizan.