Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha concentración no Valadouro pola falta de médicos

Por 12 Abril, 2024Abril 13th, 2024Sin comentarios

A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha concentración este domingo 14 de abril ás 12.00 horas diante do Centro de saúde en resposta á falta de médicos que veñen de sufrir durante toda esta de semana. O centro de saúde do Valadouro conta con dúas prazas de medicina de familia, pero desde fai tempo e tras a xubilación dun dos facultativos, só teñen un só médico habitualmente, ao non substituírse o oco que deixou esta xubilación.

Máis está semana os pacientes que se achegaron ao centro de saúde para recibir asistencia sanitaria atopáronse con que non había ningún facultativo, persistindo esta situación durante o resto da semana. Desde os servizos administrativos do centro indicóuselle que debían achegarse ata o centro de saúde da veciña localidade de Alfoz ou, en caso de urxencia deberían acudir ao seu PAC, en Burela.

Esta situación causou malestar entre as múltiples persoas que se achegaron ata o centro, xa que esta localidade leva moito tempo co persoal facultativo reducido á metade, motivo polo que deciden contactar co colectivo sanitario. Desde a Plataforma Sanitaria denuncian a situación sanitaria da localidade, que non é nova e está a enquistarse pola decisión da Xerencia de non substituír o persoal que falta.

Aseguran que hai moita indignación entre as veciñas e veciños, pois levan moitos anos loitando por unha asistencia sanitaria completa que desde o Sergas se lles está a negar xa desde hai uns dez anos cando decidiron suprimir o servizo de pediatría compartido con Alfoz e que aínda non se repuxo, obrigando ás crianzas a desprazarse ata o centro de saúde de Foz .

O colectivo sanitario mariñao anima a todas as veciñas e veciños do Valadouro, así como de Alfoz e de toda a comarca a que acudan a esta nova xornada de mobilización na que esixirán que de dote adecuadamente a este centro de saúde do persoal que precisa para atender adecuadamente á poboación todos os días.