Skip to main content
Comarca AMARIÑAXACultura AMARIÑAXA

Asociación Nordés: “Buscamos impulsar o territorio a través do coñecemento”

Por 21 Abril, 2024Abril 22nd, 2024Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Nordés. Asociación de Desenvolvemento das Terras da Faladora é un colectivo que destaca por unir a cultura, a lingua e o medio ambiente.

Como nace Nordés?

O xermolo xurdiu nunha sobremesa en Casa Urbano, a casa de comidas das Grañas do Sor en Mañón, logo dunha ruta da II edición das ‘xornadas de Memoria dun Tempo’ que organizaba daquela  o colectivo Memoria e Dignidade.  Era o ano 2012.

Con que motivación xorde?

Naquel “terceiro tempo” había amizades que compartían inquedanzas sobre o territorio que habitaban, do que procedían ou ao que estaban vencellados por distintos motivos. Un territorio máis alá da organización administrativa dos concellos e das provincias que tiña (e ten) unha serie de necesidades semellantes e que chamaba a organizarse ao redor duns nexos: a cultura, a lingua, o medio ambiente, a serra da Faladora e o desenvolvemento local.

Que obxectivos ten?

Cun ollo sempre no pasado, outro no presente que vivimos e de cara ao futuro,  buscamos impulsar o desenvolvemento do territorio a través do coñecemento. A divulgación e a conservación do patrimonio cultural e natural; o fomento do goce responsable do mesmo e o emprego normalizado do galego en tódolos ámbitos. Un punto importante para nós é a exploración de formas económicas alternativas para fixar a poboación e soster vínculos cas persoas que habitan o territorio.

Cantos membros ten?

Na asociación distinguimos o grado de implicación das persoas que participan. Por unha banda, temos unha base asociativa que é o noso sustento principal, tanto como motor motivacional como económico. Nos últimos anos temos arredor das 70 persoas. Por outra banda, temos unha serie de asociadas activas que forman parte do grupo de traballo continuo que organiza o calendario de actividades anuais.

Que concellos acolle?

Os mesmos polos que discorre a serra da Faladora e as súas ramificacións. Denominamos Terras da Faladora aos concellos tanto do litoral, Ortigueira, Mañón e O Vicedo; máis tamén do interior, como Ourol, Muras ou a parroquia do Freixo, das Pontes. Agora ben, o noso ámbito de acción si que se limita á zona costeira xa que a maioría de persoas activas e asociadas viven nos tres primeiros concellos.

Que tipo de actividades fan?

En febreiro do ano 2023 cumprimos 10 anos. E contabilizamos máis de 100 actividades, tan diversas como a masa asociativa da que estamos compostos. Comezamos en febreiro de 2013 cunha ruta en homenaxe ao arqueólogo Federico Maciñeira co investigador Xosé-Lois Armada Pita. E hai unhas semanas, achegámonos á experiencia de diferentes persoas que decidiron asentarse no Ortegal e vivir da súa actividade artística. As nosas actividades agrupámolas en aquelas que son fixas anualmente, as que forman parte de ciclos e aquelas outras senlleiras, con entidade por si mesmas. Para resumir, nun ano podemos atopar: desde hai sete anos, o potencial do noso territorio a través da xornadas ‘Alternativas do Rural’. Nelas mostramos iniciativas e persoas que apostan polo seu proxecto vital na nosa contorna, cando ás veces non semella o lugar idóneo. Cada mes de xuño, celebramos ben o Día dos Océanos ou realizamos o ‘Proxecto Ríos de primavera’ coa rapazada dos colexios do Vicedo e Mañón. No verán abordamos diferentes perspectivas da memoria histórica, poñendo en valor a historia local ou reflexións máis globais. E cada outono aprendemos un chisco máis nas xornadas sobre micoloxía, non só a nivel ambiental, senón tamén culinario. Todo isto combinado pola uso e defensa da lingua galega. En xeral,  mesturamos o goce da cultura co seu coñecemento a través de viaxes, rutas, faladoiros, recitais, obradoiros e calquera outro formato que encaixe.

“O noso obxectivo é a divulgación e a conservación do patrimonio cultural e natural; o fomento do goce responsable e o emprego do galego en tódolos ámbitos“

Estas iniciativas teñen boa aceptación entre os veciños?

Probablemente esta pregunta teríaa que contestar a veciñanza. Todas as actividades van seguidas dun balance crítico posterior, coa fin de mellorar e manter os obxectivos da asociación. Moitas veces preguntámonos que podemos ofrecer á xente e como podemos atraelas, pero ao fin, a proposta cultural dos concellos agora é variada, e a riqueza está nas opcións dispoñíbeis para todas. En consecuencia, cada actividade atrae a diferentes persoas segundo os seus intereses persoais; e podemos dicir que naceron grupos moi fieis que sempre están presentes nalgunhas delas.

Colaboran con outras asociacións ou colectivos?

En dez anos de existencia, colaboramos con asociacións e colectivos de xeito puntual ou máis estendida no tempo. Unha das colaboracións máis importantes para nós é a que xa comentamos cos colexios públicos da ría do Barqueiro (Ceip O Vicedo e Ceip Francisco López Estrada, de Mañón). Outra sería a de estar en contacto cos colectivos locais e veciñais. Un dos máis lonxevos é a colaboración co Proxecto Ríos que en Galicia está coordinado por Adega, quen denuncia na actualidade a retirada do apoio institucional e económico que tiñan desde 2005 por parte de Augas de Galicia. De xeito puntual, colaboramos ca cooperativa cultural Mazarelos na súa serie documental ‘Loitar Saben’. Unha das últimas colaboracións foi no ano 2023 durante o día dos Océanos con Lucas Requejo, quen se encargou do contido para o alumando máis novo. El forma parte da  iniciativa Prato_Do, axencia de innovación social e desenvolvemento sostible da Mariña. E como un exemplo último, hai unhas semanas reactivamos a chamada para contribuír na iniciativa galega ‘Recycling. Bicicletas solidarias’ que busca dar outra vida ao material deportivo que temos nas nosas casas.

Que accións futuras teñen en mente poñer en marcha?

En principio as actividades do ano 2024 son continuístas, seguindo cos ciclos dos que xa falamos. Anunciaremos unha colaboración nesta primavera cunha asociación veciñal da zona do Ortegal. Temos proxectos inconclusos aos que lles seguimos dando forma para poder mostrar nalgún momento. E estamos comezando un proxecto colaborativo a longo prazo, que segue a liña de impulsar o estudo da historia local.

Cales son as necesidades actuais?

A necesidade permanente é a dun continuo diálogo co territorio que nos rodea e os axentes presentes nel. Ao mellor, máis que dunha necesidade, falamos dun desexo que permita a continuación do proxecto, a través da incorporación de xeracións máis novas, e o sostén dos vínculos creados.

Teñen apoio institucional ou dalgunha entidade?

O apoio principal é o da base asociativa. Ese é o piar sobre o que se constituíu a asociación. Logo, de xeito anual, recibimos a subvención que o Concello do Vicedo proporciona ás asociacións locais. Como calquera subvención pública, xustificamos como repercute ese importe no ámbito local e na propia asociación. E logo, podemos ter doazóns particulares en actividades concretas.

Que lle piden ao Goberno local?

Un proceso de escoita das necesidades da veciñanza e das propostas das redes asociativas que sexa continuo. E gobernos que camiñen cara un modelo territorial sustentable, onde as persoas que o habitan e o medio sexan coidados.