Skip to main content
Burela

A filóloga burelá Laura Semedo visita ao alumnado do Vista Alegre e do Virxe do Carme

Por 25 Abril, 2024Sin comentarios

O Concello de Burela, a través da Área de Inmigración, Integración e Cooperación, ten programadas diversas visitas de referentes dentro da sociedade burelá aos centros educativos, para que lle conten á rapazada a súa experiencia vital e como desenvolven os seus proxectos.

A última convidada en participar nesta iniciativa foi a filóloga Laura Semedo, de orixe portugués e pais caboverdianos, que visitou o CEIPP Vista Alegre e o CEIPP Virxe do Carme. Alí, as nenas e nenos escoitaron a Semedo falar sobre a súa chegada a Burela, a súa adaptación ós diferentes centros educativos dende a escola ata a universidade, na que estudaría filoloxía inglesa, e sobre compaxinar estudos e traballo e as alternativas que teñen para desenvolver as súas vidas.

O alumnado mostrouse moi activo e realizou moitas preguntas, ademais de participar nos pequenos xogos que Laura lles propuxo. “Para nós resulta moi interesante mostrarlle á nosa infancia e mocidade referentes diferentes, alternativas en canto ó seu desenvolvemento, para facerlles ver que co traballo, a constancia e a adicación poden saír adiante e ter un futuro, algo que cremos que Laura lles transmitiu á perfección”, afirma o concelleiro Mario Pillado.

O responsable da Área de Inmigración, Integración e Cooperación sinalou que “é importante visibilizar que hai moitos proxectos diferentes que poden sacar adiante e que non teñen que seguir un modelo moi marcado, senón que poden determinar eles e elas as pautas que queren seguir”. Nas próximas semanas terán lugar novas visitas, nas que Laura Semedo se achegará, xunto co persoal do Servizo de Atención a Inmigrantes, ós dous centros de secundaria de Burela, o IES Perdouro e o IES Monte Castelo.