Skip to main content
CervoComarca AMARIÑAXA

Alcoa conta con ter ofertas vinculantes de posibles compradores a partir de xuño

Por 4 Abril, 2024Sin comentarios

Hoxe tivo lugar en Madrid unha nova reunión de seguimento da fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao na que os tres principais implicados, Alcoa, Goberno e Xunta comunicaron que a multinacional americana “está a traballar unidos nun proceso de venda do complexo industria”.

Alcoa presentou unha análise da situación financeira a cinco anos e unhas posibles liñas de actuación para garantir a viabilidade tanto para a eles mesmos como para o posible comprador. Admitiron tamén que recibirán ofertas non vinculantes a mediados de maio e ofertas vinculantes a mediados de xuño.

Segundo se dixo na citada reunión, Alcoa conta con ter a mediados do mes de xuño, de darse o caso, ofertas vinculantes de compradores. Ao que a Xunta como o Goberno pediron “concreción” nos prazos, tendo en conta que, tal e como se expuxo na reunión, xa que na segunda metade do ano a empresa podería acabar cos fondos para a fábrica e podería entrar nunha situación de insolvencia.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, incidiu na importancia de garantir a “seriedade” e a “solvencia” das empresas con interese por adquirir a planta. E, nese sentido, apuntou que Xunta, Goberno central e Alcoa quedaron emprazadas a unha nova reunión a vindeira semana para ver as posibilidades de asinar un acordo de confidencialidade que dea amparo á comunicación entre a empresa e os dous gobernos, e que se comece a traballar no exame das ofertas.

Xunto con isto, volveu exixir a Alcoa que continúe traballando con normalidade, cumprindo o acordo e os investimentos comprometidos -nomeadamente o forno de ánodos-, que son imprescindibles para garantir a viabilidade e a competitividade da fábrica e, sobre todo, para que, se hai un novo comprador, colla a compañía nas mellores condicións posibles.

O comité pola súa banda urxiu a creación desa mesa técnica entre administracións e que se cumpra o acordo de viabilidade asinado, así como que o Goberno e Xunta vixien a venda da fábrica e así garantan a continuidade da fábrica e do emprego. “Non imos modificar o acordo de viabilidade”, engadiron, “é vital que o proxecto de construción do forno de cocción de ánodos comece canto antes para garantir a carga de traballo das empresas auxiliares e para a viabilidade da empresa a longo prazo”.