Skip to main content
Cervo

O Concello de Cervo e a asociación Terramar programan faladoiros sobre a saúde

Por 23 Abril, 2024Sin comentarios

O Concello de Cervo, coa colaboración da asociación de Xubilados Terramar, programa unha serie de encontros informativos baixo o título charlando, que se enmarcan no programa integral de envellecemento activo “Arruguiñas” que arrincou no mes de febreiro e que inclúe talleres de memoria, talleres terapéuticos, rutinas de exercicios ou diferentes guateques itinerantes polas parroquias, para contribuír a dinamizar o día a día da veciñanza maior de sesenta anos e fomentar a súa socialización.

Neste caso, Charlando é unha proposta aberta á poboación en xeral, que se desenvolverá un martes ao mes, no local da asociación de Xubilados Terramar, ás 18.30 horas. Está integrado por diferentes faladoiros que xirarán especialmente sobre a temática da saúde mental e que serán impartidos pola Traballadora Social e Coach, María José Novoa, e pola Psicóloga, Sonia Nogueiras.

Este martes 23 de abril, terá lugar o primeiro destes encontros no que se abordarán cuestións como os determinantes da saúde e da saúde mental, entre outros aspectos, dun xeito ameno e dinámico, acompañado por material audiovisual diverso. Na presentación da actividade a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, os membros da asociación Terramar, José Luis Sariego e Paco Alves, e as profesionais que se encargarán de impartir unha charlas didácticas, e moi necesarias nos tempos nos que vivimos xa que “os problemas de saúde mental serán a principal causa de discapacidade no mundo no ano 2030”.