Skip to main content
Axenda AMARIÑAXAFoz

O actor Avelino González imparte unhas xornadas de iniciación ao teatro en Foz

Por 18 Abril, 2024Sin comentarios

Os días 25 e 26 de maio o Concello de Foz organiza unhas xornadas de iniciación ao teatro co actor Avelino González. Será na Sala Bahía o sábado 25 en horario de 10.30 a 13.30 e 16.30 a 19.30 horas e haberá comida a mediodía. E o domingo a sesión será de 10.30 a 13.30 horas.

É unha actividade, que ten un prezo de 10 euros, para a que será necesario inscribirse, xa que as prazas son limitadas. Os interesados poden facelo na Delegación de Cultura, no teléfono 982 140 027, extensión 3, ata o día 6 de maio. “É unha actividade que estamos moi felices de organizar, con alguén coma Avelino, que vive o teatro como o vivía o Poto, desde a alma. O que se busca é que a xente se anime a participar nos grupos de teatro afeccionado e desfrute da cultura do teatro, que é moi bonita”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.

É a primeira proposta antes do III Certame de teatro afeccionado José Luis López Lorenzo -O Poto-, que se celebrará no mes de xuño, para o cal o prazo dun mes de inscrición finaliza esta semana, sendo o luns o último día hábil. Habilitouse na sede electrónica do mesmo un formulario para facer a inscrición. Organizarase o 6, 7, 8 e 14, 15 e 16 de xuño para a representación das obras elixidas na fase de solicitude e contarán co voto do público e do xurado.

“Unha vez pechado o prazo de selección anunciaranse as obras elixidas para participar no certame. Agardamos que sexa tan ben acollido coma nos últimos anos e animamos ás compañías a que veñan a participar”, explica Inés López. O alcalde, Fran Cajoto, remata comentando que os meses de abril e maio “están cheos de actividades, nuns meses dedicados aos libros e á literatura, pechando a programación primaveral co certame de teatro afeccionado. Pero tamén se anunciarán actividades musicais e máis eventos en vindeiras datas”.