Skip to main content
Foz

O deseño dos accesos, responsable das avalanchas no Entroido de Foz

Por 26 Abril, 2024Sin comentarios

O mal deseño dos accesos foi a principal causa do embotellameno na carpa do Entroido de Foz. Esa é a resposta do alcalde Francisco Cajoto á pregunta formulada polo Partido Popular de Foz no pleno sobre as avalanchas humanas que provocaron unha situación de alto risco para as persoas durante a noite do sábado de carnaval.

O PP bota de menos un informe profesional dos técnicos e lamenta a negativa do alcalde a crear unha comisión de investigación sobre este asunto. “Desde logo que nos gustaría que esta conclusión chegara despois dun informe dos técnicos ou despois da valoración dunha comisión de investigación. Entendemos que é unha conclusión do propio alcalde que coincide, en parte, coa dedución que fixo no seu momento o Partido Popular e que facemos, agora, despois de observar a documentación que nos facilitou o equipo de goberno pero non queremos que isto se quede só aí”, analiza o voceiro dos populares focenses, Javier Jorge Castiñeira.

Despois de analizar a documentación os populares cren que é necesario cambiar a localización do recinto e que haxa cambios na organización. “Efectivamente houbo un mal deseño dos accesos onde confluían tanto a entrada como a saída, a zona de fumadores e zona dos baños e iso provocou as aglomeracións que se produciron”. Pero entenden, tamén, que houbo outros fallos.

Critican a zona elixida e a organización

“Un deles é a elección do lugar onde se instalou a carpa que era unha zona de humedal –o cal provocou a desconfianza da xente que estaba dentro á hora de usar as saídas de emerxencia- e as estradas que dan acceso a esa parcela son estreitas e foi onde se provocou a primeira parte de tapón que finalizou na aglomeración dentro do recinto”.

Outro dos erros, sinalan, foron as persoas encargadas de organizar o Entroido “que se demostrou que non están capacitadas para elo e que non foron capaces de garantir a seguridade das persoas que desfrutaban da festa”, considera Jorge Castiñeira. Segundo o popular, o equipo de goberno e o alcalde “deben aprender dos erros cometidos para que non volvan a ocorrer e poder restablecer a imaxe do Entroido de Foz que quedou danada polos sucesos acontecidos nesta última edición”.