Skip to main content
Viveiro

O documental ‘Chicas nuevas 24 horas’ estará en Viveiro ata o 15 de abril

Por 4 Abril, 2024Sin comentarios

O Concello de Viveiro proxectará, na sala multiúsos, o documental contra a explotación sexual ‘Chicas nuevas 24h’, de Mabel Lozano. A proxección terá lugar ás 19.00 e está dirixida ao público xeral.

Xunto a este documental, a sala multiúsos do Concello acolle así mesmo unha exposición co mesmo nome e sobre a mesma temática, que xa está dispoñible para a súa visita. A exposición permanecerá na sala ata o día 15 de abril.

Ademais, na mañá de hoxe, mércores 3 de abril, tivo lugar un taller formativo dirixido principalmente á xente moza a partir de 14 anos. Foi realizado co alumnado de 3º ESO do IES Vilar Ponte de Viveiro.

A directora e documentalista Mabel Lozano denuncia, tanto no documental como na exposición e o obradoiro derivados deste, o negocio que xera a explotación sexual de mulleres e nenas.

Estas iniciativas están impulsadas pola Rede de Entidades Locais Contra a Violencia de Xénero, da que forma parte o Concello de Viveiro. Está está impulsada á súa vez pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, e no marco do Acordo de Colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias de Galicia.

O obxectivo fundamental desta Rede é a busca do rexeitamento social e institucional da lacra que supón a violencia contra as mulleres, sensibilizando á poboación e buscando a súa implicación e compromiso real en contra da mesma, fomentando ao mesmo tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto a na igualdade.

Mabel Lozano é autora doutras longametraxes, curtametraxes, series, libros e podcasts; entre eles podemos destacar ‘AVA’, ‘Flores para concha’, ‘PornoXplotación’, ‘Biografía del cadáver de una mujer’, ‘Nunca más’, ‘El Proxeneta. Paso corto, mala leche’ ou ‘Loveth’. A denuncia da violencia contra a muller é un tema central da súa obra.

Ademais, ten creado e dirixido numerosas campañas de concienciación e sensibilización sobre a cuestión de violencia contra a muller para diferentes institucións.