Skip to main content
Viveiro

O Conservatorio de Viveiro organiza dous cursos de música gratuítos para adultos

Por 8 Abril, 2024Sin comentarios

O Concello de Viveiro e o Conservatorio Profesional de Música de Viveiro organizan dous novos cursos de música gratuítos dirixidos a adultos para o mes de maio. Os cursos serán os de Iniciación á Linguaxe Musical, indicado para adultos sen coñecementos musicais, e de Iniciación á Batería, para adultos sen coñecementos do instrumento.

Terán lugar os catro luns do mes de maio, en horario de 19.30 a 20.30. O prazo para as inscricións nos cursos, que contarán con prazas limitadas, comezará este luns 8 de abril e rematará o día 12 de abril. As persoas interesadas poden anotarse na secretaría do conservatorio. Para máis información poden chamar ao número 982 560 486.

O concelleiro responsable do Conservatorio, Jesús Fernández Fernández, encadra estas iniciativas na aposta do Concello pola promoción da música e por unha educación accesible a todas as persoas. Pola súa banda, a alcaldesa María Loureiro anima á veciñanza “a participar nestes cursos e nas demais iniciativas do conservatorio, xa que nunca é tarde para aprender música a pesar de que non se teñan coñecementos previos”.