Skip to main content
Viveiro

Viveiro pon en marcha cursos gratuítos para a cativada no conservatorio

Por 24 Abril, 2024Sin comentarios

O Concello de Viveiro e o Conservatorio Profesional de Música de Viveiro organizan dous novos cursos de música gratuítos para o mes de maio, dirixidos nesta ocasión a nenos e nenas de 6 a 14 anos de idade. As propostas serán de Iniciación Musical, para a cativada nada no ano 2017, e de Iniciación ao Instrumento, para nenos e nenas de 8 a 14 anos.

Este último curso permitirá aprender o básico dun destes instrumentos: clarinete, frauta traveseira, gaita, guitarra, saxofón, trompeta e violonchelo. Tamén haberá iniciación ao canto, só para rapazada de 14 anos. O prazo de matrícula para o curso de iniciación musical estará aberto  ata o venres 26 de abril. O do curso de iniciación ao instrumento estará aberto os días 2, 3 e 6 de maio. Ambos terán prazas limitadas.

As persoas interesadas poden anotarse na secretaría do conservatorio. Para máis información poden chamar ao número 982 560 486. “A educación musical permite que os nenos e nenas desenvolvan o seu amor pola música dende o principio, facilitando calquera formación posterior”, sinala o concelleiro responsable do Conservatorio, Jesús Fernández Fernández. Pola súa banda, a alcaldesa María Loureiro afirma que seguirán “a impulsar iniciativas como esta, que permiten á cidadanía de todas as idades formarse de xeito totalmente gratuíto”.