Skip to main content
Viveiro

O servizo de quita e pon no casco histórico de Viveiro recibe a Escoba de Prata

Por 28 Abril, 2024Sin comentarios

O Concello de Viveiro celebra que o municipio fose distinguido coa Escoba de Prata polo seu servizo de quita e pon no casco histórico, posto en marcha pola Tenencia de Alcaldía.

Este premio é concedido pola entidade de ámbito estatal Ategrus, a Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente. Viveiro foi premiado xunto a outros municipios de toda España.

A Escoba de Prata foi outorgada a Viveiro na categoría A da mesma por conseguir, “por un lado, retirar os contedores, mellorando a percepción xeral de limpeza, e por outro, facilitar o acceso ás recollidas selectivas, que anteriormente non se levaban a cabo nesta zona”.

A tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez sinala que “é unha honra recibir este recoñocemento ao noso labor para facer de Viveiro un sitio cada vez máis limpo e agradable para vivir”.

Pola súa banda, a alcaldesa María Loureiro explica que “no 2022 houbo un cambio no servizo de limpeza, e xa no contrato se incluía o servizo de quita e pon, desenvolto finalmente en decembro de 2023”.

“Este servizo está funcionando moi ben, e a distinción que agora recibimos confirma que estamos no bo camiño e nos anima a continuar mellorando Viveiro nesta liña”, engade Loureiro.