Skip to main content
CervoComarca AMARIÑAXAXove

Os alcaldes de Cervo e Xove agardan que a mesa de seguemento de Alcoa traia por fin certezas sobre o futuro da factoría

Por 3 Abril, 2024Sin comentarios

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o rexedor de Xove, Demetrio Salgueiro, mantiveron un encontro na Casa Consistorial para afondar na situación actual da empresa Alcoa coincidindo na preocupación “polo futuro desta factoría vital para toda a comarca da Mariña, cuxo futuro está en entredito, á vista das últimas novas que foron transcendendo”.

Os responsables de ambos concellos entenden que “A Mariña  non  se merece vivir nesta incertidume constante” e agardan, neste senso, que a mesa de seguimento de Alcoa que se celebrará mañá en Madrid, “traia por fin certezas á nosa bisbarra, e aos milleiros de traballadores directos e indirectos que dependen da fabricación do aluminio primario”. España –apuntaron- “non pode permitirse o peche da última fábrica de aluminio primario do Estado, un metal de futuro, estratéxico e que contribúe ao desenvolvemento sostible”.

Neste senso, Caramés e Salgueiro solicítanlle ao Goberno de España “unha posición clara e contundente e que anuncie a súa dispoñibilidade para unha intervención inmediata –se fose o caso- para que poida continuar a súa fabricación con garantías”.

Do mesmo xeito tamén piden “responsabilidade á empresa”, e que cumpra cos acordos subscritos no seu momento “garantindo a continuidade de todos os postos de traballo tanto en Alcoa como nas empresas auxiliares”.

Os dirixentes dos dous concellos veciños nos que está instalada a empresa, concluíron así mesmo durante a reunión desta mañá “solicitar ao Ministerio de Transición Ecolóxica que convoque de xeito inmediato – tal e como reclamaron de xeito reiterado os representantes dos traballadores- a mesa técnica para informar da evolución da tramitación dos proxectos de enerxías renovables que contribuirán a brindar un prezo da enerxía que poida facer viable a produción do aluminio”.