Skip to main content
Lugo

O incendio orixinado nunha nave en Mazoi, en Lugo, atópase controlado

Por 16 Abril, 2024Sin comentarios

Unha gran fumareda estase a estender pola cidade tras o lume orixinado nunha nave industrial do núcleo de Mazoi. As chamas comezaron sobre as 14.30 horas deste martes na nave de reciclaxe Contemar, onde se ubicaba fai anos Talleres Ambla.

Polo momento, os bombeiros están a traballar no lugar, sobre o que se descoñece o grao de gravidade e tamén se hai que lamentar danos humanos. O suceso provocou unha importante columna de fume que é visible dende distintos puntos da cidade e a varios quilómetros, polo que tamén alertou a numerosos veciños. Foron precisamente os veciños os que deron a voz de alarma aos servizos de emerxencia.

As instalacións, nas que se encontraban materiais variados para a súa reciclaxe como colchóns, estaban formadas por unha catro naves, que non están rodeadas por núcleos de poboación, polo que non existen vivendas que poidan perigar. Segundo as primeiras informacións, o lume comezou nunha das construcións para logo estenderse polas contiguas.

Segundo apuntan dende o Concello, o incendio atópase controlado nestes momentos. A rápida intervención das dúas dotacións de bombeiros municipais que se trasladaron á zona e a presenza da Policía Lolca e o servizo de Protección Civil logrou que o lume non fora a máis.

Trátase do segundo incendio que se rexistra na cidade de Lugo en apenas tres semanas. Pois o pasado 26 de marzo efectivos dos servizos de emerxencia achegábanse ata a nave de Desguaces Sidegal, no polígono do Ceao, onde prendía o lume e no que resultaban dúas persoas feridas