Skip to main content
Comarca LUGOXA

O CEO de Altri defende o proxecto da Ulloa ante os alcaldes da comarca

Por 6 Abril, 2024Sin comentarios

Os alcaldes de Palas de Rei, Pablo Taboada, e Monterroso, Eloy Pérez, ademais do concelleiro de Antas de Ulla, José Manuel Quintá, visitaron o viveiro, o centro de biodiversidade e a planta Celbi de Altri. Tres paradas nas que puideron coñecer en primeira persoa o funcionamento dunha fábrica “que é un referente en innovación, eficiencia, aforro de auga e sustentabilidade a nivel mundial, no caso de Celbi, e a filosofía e aposta por poñer en valor os bosques, coidado de flora e fauna ou conservación no caso do seu viveiro (produción de 7 millóns de plantas anuais certificadas) e do seu centro de biodiversidade, que, ademais de I+D, impulsa a formación a propietarios para optimizar as súas plantacións”.
Así o explicou José Pina, CEO de Altri, que engadiu que “os nosos proxectos son resultado da aposta de todo un grupo por coidar e valorizar os bosques, polo máximo respecto polo medio ambiente e por integrarnos na contorna no que estamos implantados”. Con respecto ao proxecto GAMA, Pina fixo fincapé en que “non hai no mundo neste sector da industria un proxecto tan esixente medioambientalmente nin tan completo nin tan integrado como GAMA. E se puidemos desenvolver un proxecto tan innovador é porque levamos anos innovando e investindo en Celbi (99 millóns nos últimos 8 anos) e Biotek (130 mill/€)”. E “queremos facelo en Galicia porque aí hai unha materia prima que agora se exporta. Debe poñer en valor os seus bosques e pechar o ciclo da transformación da madeira”.

“A planta que Greenfiber deseñou para Palas de Rei é un proxecto baseado na economía circular, no que todo se optimiza: auga, residuos e enerxía. Trátase dunha planta de última xeración, en liña coas directrices da UE, que situará a Galicia na vangarda dunha nova industria baseada na sustentabilidade, a innovación e a mellora continua”, afirman.

Afirma que cun investimento de máis de 850 millóns de euros, creará ao redor de 500 empregos directos nunha planta que funcionará as 24 horas para fabricar dous produtos finais a partir da madeira do eucalipto, ambos de base celulósica e, por conseguinte, biodegradables. Un deles serán as fibras solubles para aplicacións téxtiles, que se venderán soamente a industrias do sector téxtil e outro será o Lyocell, unha fibra téxtil coa mesma base celulósica, que se producirá na mesma planta utilizando directamente o primeiro produto como materia prima. Para a elaboración de ambos os produtos utilizaranse 1,2 millóns de m3 de madeira de eucalipto galega certificada que, na actualidade, prodúcese en exceso ou se comercializa fóra de Galicia.