Skip to main content
Cultura LUGOXALugo

Hipócrita Teatro: “É unha arte que implica o traballo de moitos para que suban uns poucos a escena”

Por 21 Abril, 2024Abril 22nd, 2024Sin comentarios

A compañía e asociación cultural, que aglutina varias xeracións, cumpre dúas décadas de vida e conta co seu propio espazo, o Escenario Hipócrita, onde apostan por dinamizar a oferta cultural da cidade

Por Lucía Blanco

Un obradoiro no centro sociocultural de Fingoi uniu a un grupo de amantes da arte de contar historias sen saber que, dúas décadas despois, continuarían levando a escena distintos espectáculos e dinamizando a oferta cultural da cidade. “Os membros fundadores coincidimos alí no obradoiro impartido por Guillermo Cancelo. Compartiamos a motivación de conti nuar máis alá das horas de formación, decidimos constituírnos como asociación e comezar a facer algunha montaxe”, conta María García, membro do colectivo.

Pero a festa que recrea o pasado de Lugo tamén ten que ver coa orixe desta compañía de teatro amador. “Empezamos tamén xunto co Arde Lucus. Somos dos poucos que levamos actuando na festa dende que botou a andar, cando só era un día. A través do Concello pedíannos participar como obradoiro e xa despois presentabamos propostas para actuar en cada edición, que é unha tradición que mantemos despois de 20 anos”, engade Carlos Rebolo.

Miserere, Cleopatra e Marco Antonio, Mitoloxía para ignorantes, Casting ou Sombras nos ollos, dúas das súas últimas apostas, son algunhas das obras que estrearon, algunhas delas no seu propio espazo. “Collemos un local para ensaiar, reformámolo e pensamos en traer aquí as actuación e así foi como naceu no 2014 o Escenario Hipócrita”, recorda Carlos.

Ademais das clases de formación que tiñan, con este espazo conseguen ofrecer unha variedade de propostas teatrais ao longo do ano. “Tiñamos actividades abertas e xeraron un público de Hipócrita, que se foi animando e foi medrando, porque tamén a oferta que faciamos era cada vez máis ampla”.

Os membros tamén foron cambiando neste tempo, aínda que actualmente son 19 no grupo, que aglutina varias xeracións. “Implícanse máis ou menos. Comprende moitas horas de traballo previo de moita xente para que ao final suban uns poucos a escena. Algúns participan enriba dos escenarios ou colaboran con outras cuestións como dirixir, ocuparse de vestiario, do deseño gráfico, de buscar texto ou de coordinar os ensaios”, afirman.

Recoñecemento ao espectador máis fiel

Ubú Teatro, Axóuxere Teatro, Carolina Rueda e Lore Lavand acompañaron a Hipócrita na gala do seu vixésimo aniversario, durante a que outorgaron un recoñecemento á obra Departamento de selección de Disfunción Continúa como espectáculo mellor valorado e ao propio público. “Como novidade, entregamos un premio ao espectador máis fiel, que era algo que nos faltaba e levabamos dándolle voltas moito tempo”.

Este encontro puxo o broche de ouro ás últimas dúas décadas nas que o teatro transformou as vidas dos que pasaron pola compañía. “Puidemos manternos neste tempo, o que xa é un éxito extraordinario cunha pandemia polo medio. Medramos en calidade e en número de espectáculos que puidemos producir, fomos recibindo premios polas nosas montaxes e dándonos a coñecer dentro do panorama de teatro amador galego”, asegura García.

Superar a covid, na que se descolgou moita xente, foi grazas ao apoio do Concello e da Deputación e ao seu esforzo, sosteñen. Dedicación que esperan manter, polo menos, outros 20 anos. “Sarna con gusto non pica, o balance é máis que positivo a costa de traballo e dedicación diaria, ás veces postergando outras cousas e priorizando o teatro que é a nosa afección”, conclúe Carlos.