Skip to main content
Cervantes

Continúan os traballos de mellora nos camiños de Cervantes

Por 27 Abril, 2024Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou os traballos que está realizando o Parque Móbil da institución provincial nos núcleos rurais de Cervantes. Fíxoo durante a visita que realizou ao municipio xunto ao alcalde do municipio, Benigno Gómez Tadín. Tomé Roca salientou a importancia destas obras que renovan o firme dun conxunto de pistas e camiños deste municipio dos Ancares.

“É importante traballar para manter en bo estado as comunicacións, neste caso son vías municipais. Na Deputación entendemos que é necesario para garantir a igualdade de oportunidades entre toda a veciñanza da provincia de Lugo, independentemente de onde vivan. É un aspecto fundamental para axudar a fixar poboación”. O mandatario provincial comprobou en Cabana Xaraz, entre Noudelo e Os Olmos, os labores de rexeneración do firme dun treito de case 4 quilómetros. Limpáronse as cunetas e executouse unha vía duns 3,5 metros de ancho.

Así mesmo, a institución provincial acometeu unha reforma da pista principal do núcleo de Vilarello, limpando as marxes e pavimentando o firme e dándolle tamén 3,5 metros de ancho, ademais de arranxar a explanada de diante da igrexa desta parroquia cervantega. Pola súa banda, no lugar de Cela, na parroquia de Cereixedo, fixéronse traballos de limpeza de camiños e pistas en máis dun quilómetro de firme, ademais de deixar abrir as correspondentes entradas para as vivendas para facilitar a comodidade e seguridade dos usuarios e usuarias da vía.

Tamén en Cela se realizou unha importante actuación ao pavimentar a explanada do campo de fútbol. Estes traballos, subliñou o Presidente, “ao facerse con medios propios da Deputación de Lugo afórranlle moitos custes ao Concello de Cervantes, podendo investir ese diñeiro noutras necesidades ou servizos”.