Skip to main content
A Fonsagrada

A Deputación anuncia na Fonsagrada o arranque do proxecto para dotar a 52 concellos de ferramentas tecnolóxicas

Por 17 Abril, 2024Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mantivo un encontro na Casa do Concello da Fonsagrada cos alcaldes da comarca da Montaña para avanzarlles que arranca a implantación do Impulsa TIC nos 52 concellos que decidiron adherirse a este novo proxecto da institución provincial. Un programa a través do que a Deputación proporcionará gratis ferramentas tecnolóxicas ás entidades locais para avanzar na súa modernización e transformación dixital, e deste xeito, mellorar a xestión municipal e ofrecer un mellor servizo á cidadanía.

Para desenvolver o programa, que estará finalizado despois do verán, a Deputación conta cun investimento de 4,5 millóns de euros de fondos que conseguiu da Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. José Tomé subliñou que con estas ferramentas e equipamentos tecnolóxicos os concellos poderán prestar un mellor servizo público aos seus veciños e veciñas, pois “gañarán en proximidade, transparencia e axilidade na tramitación e na xestión diarias”.

Incidiu o mandatario provincial en que a modernización tecnolóxica da administración “é de capital importancia para a nosa provincia porque ofrecer á xente unha atención máis áxil e ser máis útiles é un elemento esencial para poder fixar poboación no territorio, sobre todo no rural”. Ademais, foron as propias entidades locais as que lle trasladaron á institución cal é a súa situación particular en materia dixital, o seu punto de partida e as súas prioridades para, a partir de agora, proporcionarlles os recursos máis axeitados a esas necesidades específicas.

Visitas a 52 concellos

O responsable da sección de Novas Tecnoloxías da Deputación, Nicolás Fariña, avanzou a folla de ruta que desde a institución provincial se seguirá da man dos concellos para desenvolver os proxectos e avanzar na súa transformación e modernización dixital. As auditorías da situación informática das entidades locais realizaranse a través de visitas presenciais e telemáticas, que permitirán coñecer o estado de cada concello e detectar así os puntos a mellorar e avanzar. Unha diagnose que se volverá a repetir ao final do programa para avaliar os obxectivos acadados e o avance en dixitalización que logrou cada un dos municipios participantes.

Entre as accións a levar a cabo están a dixitalización do Rexistro; a integración do tramitador electrónico coa carpeta cidadá; a implantación de asistentes virtuais nas webs municipais que respondan as dúbidas dos cidadáns as 24 horas ao día ou a incorporación de ferramentas de accesibilidades web para persoas con capacidades diferentes. Tamén se levará a cabo a revisión e mellora do portal de transparencia do concello; a automatización do sistema de actas para os plenos; ou a subministración de equipamentos informáticos como ordenadores ou táblets que permitan a creación de postos de traballo intelixentes, entre outras.

Concretamente, os concellos da provincia adheridos ao Impulsa TIC son: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Burela, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Cospeito, Chantada, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Ourol, Pantón, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove.