Skip to main content
Lugo

‘Iribarne’ chega ao Gustavo Freire de Lugo

Por 9 Abril, 2024Sin comentarios

A última proposta escénica de ButacaZero, Iribarne, chega o vindeiro xoves 11 a Lugo. No auditorio Gustavo Freire, a partir das 20.30 horas, continúa a xira da peza que se está a representar por boa parte de Galicia e numerosas cidades españolas. A peza, unha revisión da figura de Fraga en clave de humor, é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia.

Iribarne é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”.

Supón para ela o traballo máis difícil ata o momento: “Foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”. Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de Iribarne, están a falar dun personaxe “inabarcable” e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.