Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo adxudica Xantar no Fogar por 474.302 euros

Por 3 Abril, 2024Sin comentarios

A nova adxudicataria aumenta a rotación dos menús a seis semanas, personalizará as dietas e ás enriquecerá cun litro de leite e outro de zumo de froita  á semana

O Concello de Lugo adxudicará na Xunta de Goberno Local o servizo de Xantar no Fogar á empresa Jardanay. Esta prestación social, que inclúe melloras sustancias respecto á que se viña desenvolvendo, supón un investimento municipal de 474.302 euros durante os próximos dous anos. “A calidade deste servizo aumenta de forma considerable, o que nos permite acadar o obxectivo de cubrir con maior solvencia esta necesidade asistencial  mellorando a alimentación das persoas maiores e a súa calidade de vida ao tempo que logramos que se desenvolvan con autonomía e poidan permanecer nos seus fogares”, sinalou a edila responsable de Benestar, Olga López Racamonde.

Deste xeito, o novo servizo aumentará a frecuencia de repartición semanal, pasando de dous días a tres a semana.  Ademais, subministrará 1.000 comidas adicionais ao ano. Así mesmo aumenta a rotación dos menús a seis semanas, personalizará as dietas en función das necesidades das perosas usuarias, con opción vegana, vexetariana e sen carne de porco, e ás enriquecerá cun litro de leite e outro de zumo de froita á semana. Así mesmo contempla proporcionar neveiras nos casos de necesidade ou urxencia social.

Olga López informou, así mesmo, de que a empresa concesionaria preparará diariamente os pratos de todas e todos os comensais, respectando as indicacións sanitarias que recolle o seu historial clínico, manténdose sempre un estrito control sobre a elaboración e a calidade dos ingredientes que deben combinarse dun xeito saudable respectando as pautas médicas que figuran no expediente de cada beneficiario.

Ampliar a prestación municipal

“O noso obxectivo é poder ampliar a capacidade desta prestación municipal e dar cobertura a todas aquelas persoas que poidan precisala tendo en conta os novos tipos de dependencia. Esta ferramenta supón un gran recurso para atender moitas carencias xa non só económicas, senón tamén de coidados e alimentación e, polo tanto, con beneficios directos sobre a saúde da nosa poboación maior”, sinalou a concelleira.

Dende o ano 2020, a raíz da pandemia, “vimos incrementando nun 140% o orzamento deste servizo, logo do crecemento da demanda que trouxo consigo a crise sanitaria”, lembrou a edil, quen subliñou que o Concello destinou un total de 210.423 euros a esta prestación na pasada anualidade. López Racamonde explicou que, con relación ao perfil maioritario das e dos usuarios, “en torno ao 60 %, son mulleres, maiores de 65 anos, que viven soas”.

No Concello de Lugo hai en torno a 5.000 persoas maiores de 65 anos que residen soas nas súas vivendas e sobre as que, dende a área de Benestar, se realiza un seguimento continuado co fin de informalos dos recursos que teñen á súa disposición en función das necesidades que presenten e que inclúe tanto a súa manutención, cunha dieta equilibrada e acorde ao seu estado de saúde, como a axuda para a realización das tarefas domésticas, a dinamización sociocultural específica e mesmo o acompañamento telefónico para evitar a súa exclusión ou illamento social.