Skip to main content
Lugo

Clausúrase en Lugo a xornada Emprego sen etiquetas

Por 3 Abril, 2024Sin comentarios

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, incidiu na clausura da xornada Emprego sen etiquetas, organizada en Lugo pola Xunta, na necesidade de rachar cos prexuízos de xénero na elección e no exercicio dunha profesión. O obxectivo desta iniciativa autonómica para impulsar a presenza feminina en sectores económicos onde tradicionalmente predominan homes é concienciar sobre que as mulleres poden e deben escoller as súas profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por estereotipos nin por falsas crenzas que aínda hoxe se transmiten.

O Goberno galego busca contribuír á eliminación da fenda salarial e quere reverter esta situación fomentando unha conciencia libre de tópicos e de prexuízos á hora de escoller profesión e -ao tempo- estimulando o espírito crítico na identificación de estereotipos sexistas asociados a determinadas profesións masculinizadas. Na xornada, participaron na mesa redonda catro mulleres dos sectores do metal, do forestal, da mecánica de aviación e do eido do transportes para dar conta das súas respectivas experiencias en sectores masculinizados.

Rivo clausurou o acto no que tamén salientou que Emprego sen etiquetas forma parte dunha estratexia ampla e ambiciosa que se está a impulsar desde a Xunta para acadar unha verdadeira igualdade laboral. Na súa opinión, é preciso concienciar á sociedade desde idades temperás, pero o cambio tamén debe producirse, tal e como apuntou, no mundo da empresa, para que tamén saiban escoller ás persoas traballadoras en función das súas aptitudes e capacidades, deixando atrás calquera prexuízo de xénero.

Sobre a estratexia da Xunta para acadar a igualdade laboral, esta inclúe programas e campañas como Ti Elixes, que se desenvolve en centros escolares para concienciar á xente nova da importancia de elixir unha profesión en función unicamente das habilidades, capacidades ou motivacións persoais. A iniciativa estase a realizar en centros de ensinanza secundaria que están polo xeral situados próximos a institutos de formación profesional nos que se ofrece cualificación de familias de sectores tradicionalmente masculinizados.