Skip to main content
Lugo

O BNG de Lugo levará a Pleno o rexeitamento da fábrica de Altri

Por 3 Abril, 2024Abril 4th, 2024Sin comentarios

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG vén de presentar unha iniciativa para o vindeiro pleno municipal buscando que Lugo rexeite a instalación dunha megafactoría de celulosa en Palas de Rei. Esta actividade industrial “non será nin sostible nin moito menos circular, trátase dun proxecto tramitado cunha absoluta falta de transparencia e con enganos”. afirmou Arroxo. Durante máis de dous anos, “publicitouse unha factoría de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa soluble, destinada preferentemente á exportación”.

A planta proxectada por Altri terá un impacto territorial e paisaxístico enorme polas dimensións xigantescas da factoría, que prevé explanar, pavimentar e ocupar case un millón e medio de metros cadrados con diversas instalacións industriais contaminantes e unha cheminea de 75 m de altura, afectando directa e negativamente a numerosos concellos da contorna.

Destacan o impacto ambiental crítico nunha zona que foi proposta para a ampliación da Rede Natura 2000 e que alberga hábitats e especies de grande valor ambiental e que están en risco de extinción. As emisións de gases contaminantes tamén terá unha incidencia prexudicial na saúde, no uso residencial e na calidade e aproveitamento dos solos nunha ampla zona circundante. Rubén Arrroxo destacou que as emisións contaminantes da fábrica “chegarán ata Lugo, empeorando a calidade do aire da cidade”, e destacou que terá unha importante afectación no Camiño de Santiago e na industria agrogandeira da zona, ademais do marisqueo da ría de Arousa.

Consumo de auga

Altri prevé un consumo de grandes cantidades de auga procedentes do río Ulla e o vertido dun voluminoso caudal de augas sometidas a depuración industrial máis contaminantes, que incidirán negativamente na calidade das augas, na biodiversidade e na produtividade tanto do río Ulla como da ría de Arousa, e afectará tamén ás actividades económicas e ao emprego na contorna, o que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial.

O proxecto “condicionará de maneira decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega”, afirmou o nacionalista, que destacou que “a afección deste proxecto vai máis alá dos concellos da contorna, do río Ulla e da ría de Arousa, é un proxecto que atenta contra os intereses xerais de Galiza”.

A proposición do BNG busca que o Pleno Municipal acorde manifestar o rexeitamento ao macrocomplexo industrial contaminante de Altri e dirixirse á Xunta de Galiza para que informe negativamente o proxecto e impulse en colaboración coas diferentes administracións e o tecido socioeconómico iniciativas para a dinamización socioeconómica da Ulloa, a Terra de Melide e o Alto Ulla, co obxectivo de fomentar actividades sustentábeis que xeren emprego e que fixen e atraian poboación.