Skip to main content
Lugo

A capela de Santa María pon en valor a artesanía con obradoiros de coiro, cerámica e teares

Por 6 Abril, 2024Abril 7th, 2024Sin comentarios

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, a deputada de Cultura Iria Castro e a concelleira de Cultura de Lugo Maite Ferreiro achegáronse aos obradoiros e demostracións de coiro, cerámica e teares que se están a desenvolver na Capela de Santa María coincidindo cos Días Europeos da Artesanía.

As firmas de artesanía Tres Caracoles, LeCoop, Ceniza de Papel, La Bellota Mágica e Fusaiola son as encargadas de realizar as actividades, coas que se pretende achegar ao público o traballo das artesás e artesáns e poñer en valor a súa riqueza e singularidade. Efrén Castro animou a “participar nestas actividades que ofrecen a posibilidade de ver en directo o traballo artesán, coñecer as técnicas, ferramentas e materiais que empregan e, sobre todo, probar a facer coas propias mans algunhas pezas”.

As actividades, abertas ao público, continuarán ao longo da fin de semana, en horario de mañá – de 10.30 a 14.00 horas – e tarde -17.00 a 20.00 horas -. Ana Novo de Tres Caracoles amosa o proceso completo de elaboración dun cinto, o tintado con muñequilla e con escuma, a elaboración de follas de coiro na que o público poderá intervir e levar a súa folla como recordo da experiencia.

Víctor Montero de LeCOOp ensina a elaboración dunha funda para dispositivo electrónico, os procesos de Corte,tinguido, cosido, terminación de bordes e acabado final. Pola súa parte, Mª Josefa Sánchez de Ceniza de Papel e Inmaculada Díaz de La Bellota Mágica ofrecen un taller demostrando a posibilidade de gozar ca arxila, coñecela e manipulala para que os participantes que se animen podan facer a súa propia peza utilizando distintas técnicas, como churros ou torno.