Skip to main content
Lugo

O club Valle-Inclán proxecta ‘Buena Vista Social Club’ en Lugo

Por 9 Abril, 2024Sin comentarios

O Club Cultural Valle-Inclán continúa as proxeccións das Sesións de Filmoteca neste mes de abril. Nas vindeiras semanas ofrece catro novos filmes na cidade de Lugo. Este mércores 3 é a quenda da peza Buena Vista Social Club, de Wim Wenders, que se proxectará na Casa do Saber a partir das 19.30 horas.

A entrada é libre e de balde para socios do Valle-Inclán e comunidade universitaria, o resto do público deberá aboar a cota proporcional de socio, uns dous euros.  Ry Cooder, compositor da banda sonora de Paris, Texas, viaxou a Cuba en 1998 para traballar unha vez máis cos lexendarios músicos que gravaran Buena Vista Social Club, o disco de jazz latino e música tradicional cubana que en 1997 foi un éxito no mundo todo.

Wim Wenders acompañou a Cooder, asistiu ás novas sesións de estudio destes músicos e pescudou sobre as súas vidas na Habana. Finalmente, rodou os concertos que estes mitos, reunidos de novo como banda co nome de Buena Vista Social Club para unha triunfal xira mundial, ofreceron en Ámsterdam e Nova York. VOSE. Por outra parte, o programa continúa o día 17 con Sombras en el paraíso, de Aki Kaurismäki e o 24 con Diario de un cura rural, de Robert Bresson.