Skip to main content
Lugo

Arroxo apoia a recollida de firmas de Galiza Nova contra Altri: “Non será nin sostible nin moito menos circular”

Por 8 Abril, 2024Sin comentarios

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, participou na recollida de alegacións ao proxecto que a multinacional portuguesa Altri pretende realizar en Palas de Rei. Arroxo participou na iniciativa organizada por Galiza Nova, e anunciou o apoio do BNG á recollida de alegacións ante un proxecto que “non será nin sostible nin moito menos circular, un proxecto tramitado cunha absoluta falta de transparencia e con enganos”, afirmou.

Arroxo asegurou que “durante máis de dous anos publicitouse unha factoría de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa soluble, destinada preferentemente á exportación”. O BNG colocará unha mesa informativa sobre o proxecto, onde recollerá as alegacións da veciñanza, o vindeiro xoves entre as 18 e as 19.30 no cruce da rúa da Raíña coa praza Maior

“O proxecto de Altri en Palas de Rei condicionará de maneira decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega”, afirmou Rubén Arroxo. A afección deste proxecto “vai máis alá dos concellos da contorna, do río Ulla e da ría de Arousa, é un proxecto que atenta contra os intereses xerais de Galiza”.

Afectará á contorna

A planta ocupará case un millón e medio de metros cadrados con diversas instalacións industriais contaminantes e unha cheminea de 75 m de altura, afectando directa e negativamente a numerosos concellos da contorna. Rubén Arrroxo destacou que as emisións contaminantes da fábrica “chegarán ata Lugo, empeorando a calidade do aire da cidade”, e destacou que terá unha importante afectación no Camiño de Santiago e na industria agrogandeira da zona, ademais do marisqueo da ría de Arousa.

Altri prevé un consumo de grandes cantidades de auga procedentes do río Ulla e o vertido dun voluminoso caudal de augas sometidas a depuración industrial máis contaminantes, que incidirán negativamente na calidade das augas, na biodiversidade e na produtividade tanto do río Ulla como da ría de Arousa, e afectará tamén ás actividades económicas e ao emprego na contorna, o que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial.