Skip to main content
Lugo

Os centros de Lugo loitan contra a violencia machista e conservan a tradición coas Regueifas pola Igualdade

Por 10 Abril, 2024Abril 11th, 2024Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou o poder das regueifas como ferramenta cultural galega de loita pola igualdade e contra as violencias machistas nos centros de ensino. Así o defendeu na xornada promovida pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller para 50 alumnos e alumnas do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, impartida por Guadalupe Blanco.

O programa Regueifando en Igualdade busca dar a coñecer entre o alumnado novas ferramentas discursivas a través da improvisación oral, co fin de construír pezas a favor da igualdade e favorecer a conservación da regueifa como figura da tradición oral galega.

A subdelegada explicou que “as regueifas son a arte de traballar coas palabras e coa nosa música, parte fundamental da cultura galega, que se foi mantendo e conservando de xeración en xeración e grazas ao traballo de mulleres que souberon recuperala”. Nesta liña, dirixiuse ao alumnado para “poñer en valor que as regueifas, as lendas, os ditos, as cantigas ou os refráns perviven na actualidade grazas a esa cadea de transmisión que iniciaron as vosas bisavoas ou tataravoas”.

Isabel Rodríguez agradeceu finalmente “a participación activa tanto do alumnado como do profesorado, cunha mestra excelente como é Guadalupe Blanco, que transmitiu a súa dilatada experiencia e saber neste mundo para combater as desigualdades entre homes e mulleres e concienciar desde a ensinanza de que un mundo máis xusto é posible”.