Skip to main content
Lugo

O PP defende o proxecto de Altri: “Apoiamos iniciativas que optan por Lugo para asentarse”

Por 10 Abril, 2024Sin comentarios

Os deputados do Grupo Provincial Popular mantiveron unha xuntanza con representantes de Altri para coñecer de primeira man o proxecto da empresa e constatar que “é o mesmo que se presentou dende o primeiro intre”. Sinalaron que “chega con ir á hemeroteca para comprobar que as características son as mesmas e que sempre se trasladaron con total transparencia. O único que cambiou foi a postura da oposición”.

Dende o Grupo Provincial Popular trasladaron á empresa que “apoiamos, como fixemos sempre, todas aquelas iniciativas que optan por Lugo para asentarse, sempre e cando cumpran con toda a lexislación vixente, respecten o medio ambiente, xeren emprego e riqueza e axuden a fixar poboación no rural”.

A realidade é que “serán os técnicos os que analizarán o proxecto co máximo rigor e transparencia e se cumpre con todos os requisitos legais e ambientais, apoiaremos o proxecto como elemento xerador de riqueza”. Os populares recordan que hai dous anos presentáronse, tanto no Parlamento como na Deputación de Lugo, sendas iniciativas para defender a chegada de Altri á provincia de Lugo e que contou co apoio de todos os partidos políticos “por tratarse dunha gran aposta económica, laboral e estratéxica”. En ambas administracións as iniciativas se aprobaron por unanimidade co apoio de todos os grupos.

A oposición, en contra

Unha vez pasadas as eleccións e a campaña electoral, “na que tanto BNG como PSOE defenderon o proxecto, atopámonos que a esquerda volve aos seus cambios de opinión, e tenta boicotear o futuro da provincia de Lugo”. Defenden que “oportunidades así pasan unha vez cada 50 anos, con sorte”.

E trasladan o cambio de postura dos nacionalistas: “O BNG sempre acaba sendo vítima das súas contradicións, como ocorreu coas súas críticas á autopista AP-9 ou con Alcoa”. Ademais, recordan que o voceiro socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, “agora amosa dúbidas sobre o proxecto, pero cando foi delegado do Goberno en Galicia chegou a ofrecerse como mediador entre Altri e o Ministerio de Industria” para que a empresa se instalase en Lugo.

Dende o Grupo Provincial Popular sinalan que tanto PSOE como BNG terán que explicar por que en dous anos pasaron de apoiar a Altri no Parlamento de Galicia e na Deputación de Lugo a, unha vez pasaron as eleccións, tentar boicotear a súa instalación.