Skip to main content
Lugo

Tomé reúnese cos promotores de Altri e con membros da plataforma Ulloa Viva

Por 10 Abril, 2024Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mantivo xunto co Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, senllas reunións no Pazo de San Marcos con representantes de Altri e da plataforma cidadá Ulloa Viva en torno ao proxecto da multinacional lusa en Palas de Rei.

O encontro cos directivos de Altri produciuse tras a petición realizada pola propia empresa, que solicitou ao mandatario provincial unha xuntanza para expoñerlle información sobre o proxecto a raíz do recente pronunciamento do Pleno da Corporación ao respecto. Á mesma acudiron José Soares de Pina, CEO de Altri, e Carlos Vanzeller, vicepresidente executivo. Na mesma xornada, tamén se reuniu con dous representantes de Ulloa Viva, Marta Gontá Cordeiro e José Adrián Gallero Moreiras, que pediron un encontro con José Tomé para trasladarlle as motivacións da plataforma social contra a planta en Palas.

O presidente trasladou en ambos casos a postura que xa manifestou publicamente: “Fibras téxtiles si, celulosa tipo Ence non”. Defende “a implantación de industria na provincia de Lugo, sobre todo no interior, porque iso supón a xeración de riqueza e de emprego, e, polo tanto, axuda a fixar poboación no territorio e frear a caída demográfica que estamos sufrindo. De feito, levo anos pedíndolle á Xunta de Galicia, que é a que ten as competencias nesta materia segundo o Estatuto de Autonomía, que faga un plan industrial para a nosa provincia e para toda Galicia, porque a día de hoxe o Goberno galego non ten ningún plan industrial, nin bo, nin malo, nin regular”, asegurou.

Queren industria, pero “sempre e cando sexa respectuosa co medio ambiente, sostible, que promova as enerxías limpas, que aproveite o potencial do territorio e lle dea valor, non que o dane ou que prexudique a outros sectores produtivos que son capitais para a nosa economía e para a vida no rural”. O presidente da Deputación esixiu así mesmo “máis claridade e menos partidismo” á Xunta de Galicia, da que, como Administración responsable e coas competencias, “esperamos que emita todos os informes medioambientais necesarios sobre o proxecto para fixar a nosa postura definitiva como institución, e que se comprometa a vixiar que as actuacións se van desenvolver de xeito respectuoso e cumprindo coa lexislación”.