Skip to main content
Lugo

Lugo por Palestina convoca unha nova mobilización para pedir o fin do xenocidio

Por 18 Abril, 2024Sin comentarios

Lugo por Palestina convoca para o domingo 21 de abril unha mobilización para pedir o fin do xenocidio en Palestina, o fin de comercio de armas e relacións con Israel e para esixir a liberación das persoas palestinas presas.

“Ante a inacción do Goberno volvemos a saír á rúa nunha nova mobilización en decenas de cidades do estado”, explican. No caso de Lugo, a concentración está prevista sobre as 12.00 horas na Praza da Milagrosa.

Xa o pasado mércores, 31 de xaneiro, a plataforma uniuse ao chamamento de BDS Galiza, Galiza contra o sionismo, e convocou unha concentración diante da Subdelegación do Goberno de Lugo, ás 12.00 horas para pedir ao Goberno do Estado, o fin real das relacións con Israel.

Pedían en primeiro lugar que se lidere un alto o fogo inmediato e permanente; que se poña fin á compravenda de armas e de tecnoloxía militar e de seguridade con Israel; que se apoie a demanda presentada por Sudáfrica no Tribunal Internacional de Xustiza contra Israel por xenocidio e que se recupere a xurisdición universal, entre outras cuestións.

“Queremos recoñecer a resistencia do pobo palestino fronte á ocupación, a limpeza étnica, o apartheid e a colonización e instamos á sociedade civil e esiximos ás institucións impulsar a campaña de Boicot, desinvestimentos e Sancións (BDS), a coalición con maior respaldo da sociedade palestina, que busca rexeitar a normalización das políticas de apartheid israelís e exercer presión para facer insostible un réxime de ocupación ilegal, colonialismo e apartheid”, defendían.