Skip to main content
Lugo

A reforma do centro de saúde da Milagrosa: 6 consultas, 1 sala de urxencias e 3,1 millóns de euros

Por 10 Abril, 2024Sin comentarios

A reforma integral do centro de saúde da Milagrosa contará cun investimento aproximado, por parte do Goberno galego, de 3,1 millóns de euros, para unha superficie duns 1.600 metros cadrados. Así o trasladaron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares. Unha vez aprobados os proxectos básicos e de execución, licitarase a obra neste verán e comezará no 2025.

O obxectivo da Xunta é dotar o centro de saúde da Milagrosa de 6 consultas de medicina xeral e outras tantas de enfermería; 2 salas de docencia; 1 despacho de traballo social; 2 salas polivalentes; 1 sala de técnicas; 1 de urxencias; e 1 de toma de mostras. Tamén disporá de área de admisión e zonas para o persoal, mellorando espazos existentes como o de coordinación ou sala de xuntas, e incorporando outros novos, como o de sala de estar e vestiario, e as consultas de docencia e as salas polivalentes.

O actual centro de saúde foi construído a finais dos anos 60 como clínica sanatorio e, aínda que a súa estrutura está en bo estado de conservación, faise necesaria a renovación do resto da construción, como son as fachadas e cubertas e tamén procurar a mellora da accesibilidade tanto interior como exterior. Sendo así, a partir do proxecto, que xa está a piques de ser aprobado, cambiarase a distribución das plantas na súa totalidade, reorganizándose e ampliando consultas e zonas de espera, realizando aseos adaptados e zonas de servizos.

Reforzar a atención primaria en Lugo

Estas melloras cobren “unha demanda da veciñanza e do Goberno local”, asegura Paula Alvarellos. Porén, a rexedora considera “moi necesario” seguir traballando para reforzar a atención primaria en Lugo. “Tanto con novas dotacións e equipamentos así como garantindo o número de profesionais sanitarios que prestan servizo no noso municipio e mellorando as súas condicións. A cobertura das xubilacións e a perda de médicos de familia continúa a ser un dos problemas más preocupantes”.

Aproveitou a ocasión para destacar a colaboración do Goberno local co autonómico e facilitar a consecución de espazos onde situar estes equipamentos como foi este caso da Milagrosa, do CIS ou o do Sagrado Corazón. Alvarellos Fondo tamén recordou que máis de 375.000 persoas agardan en Galicia para ser operados, atendidos por un especialista ou para someterse a unha proba diagnóstica. Eses son os últimos datos das listas de espera estruturais da Xunta, que con todo non mostran as chamadas listas non estruturais.

Segundo os últimos datos das listas estruturais do Sergas, un total de 3.083 pacientes galegos tiñan citas a máis de 180 días para ser sometidos a unha intervención cirúrxica nos hospitais adscritos á sanidade pública. “Ese é un motivo máis polo que é necesario reforzar a atención primaria xa que a prioridade na atención das persoas pendentes dunha cita hospitalaria son fixadas nun primeiro intre polos médicos e médicas de familia, polo que o seu papel vólvese fundamental en moitos diagnósticos precoces”, concluíu.

No acto estivo presente, asi mesmo, o xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares Rico. Esta reforma dá continuidade ao Plan de Infraestruturas sanitarias de Atención Primaria, que a Xunta aprobou no ano 2021. Tal e como detallou o conselleiro, a reforma foi encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas, que licitou a redacción do proxecto en decembro de 2022 e adxudicouse en 2023.