Skip to main content
Lugo

O BNG recolle máis de 300 alegacións ao proxecto de Altri en Lugo

Por 12 Abril, 2024Sin comentarios

O BNG recolleu máis de 300 alegacións ao proxecto que a multinacional portuguesa Altri pretende realizar en Palas de Rei. Rubén Arroxo, portavoz do BNG, estivo presente na mesa de recollida e afirmou que as veciñas e veciñas de Lugo “están a amosar o seu rexeitamento a un proxecto que non é nin sostible nin moito menos circular, un proxecto tramitado cunha absoluta falta de transparencia e con enganos”.

Durante máis de dous anos, “publicitouse unha factoría de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa soluble, destinada preferentemente á exportación, nun proceso industrial que afectará enormemente á comarca da Ulloa, mais tamén aos concellos próximos como é o caso de Lugo”.

A planta ocupará case un millón e medio de metros cadrados con diversas instalacións industriais contaminantes e unha cheminea de 75 m de altura, afectando directa e negativamente a numerosos concellos da contorna. Rubén Arrroxo destacou que as emisións contaminantes da fábrica “chegarán ata Lugo, empeorando a calidade do aire da cidade”, e destacou que terá unha importante afectación no Camiño de Santiago e na industria agrogandeira da zona, ademais do marisqueo da ría de Arousa.

O proxecto “condicionará de maneira decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega”, afirmou Rubén Arroxo. Para el “a afección deste proxecto vai máis alá dos concellos da contorna, do río Ulla e da ría de Arousa, é un proxecto que atenta contra os intereses xerais de Galiza”.

Altri prevé un consumo de grandes cantidades de auga procedentes do río Ulla e o vertido dun voluminoso caudal de augas sometidas a depuración industrial máis contaminantes, que incidirán negativamente na calidade das augas, na biodiversidade e na produtividade tanto do río Ulla como da ría de Arousa, e afectará tamén ás actividades económicas e ao emprego na contorna, o que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial.