Skip to main content
Lugo

Cursos de xoiaría e teares para poñer en valor o patrimonio, a artesanía e fomentar o emprego en Lugo

Por 12 Abril, 2024Sin comentarios

Estefanía Gazol e Lourdes Otero será as encargadas de impartir os novos obradoiros que terán lugar no Centrad entre os meses de abril e novembro

A xoiaría e os teares conforman o novo programa de formación que terá lugar no Centrad entre os meses de abril e novembro. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, organiza estas ensinanzas que permiten “achegar a toda a poboación os procedementos básicos e desenvolver a creatividade do alumnado, así como adentrarse en novas técnicas”, destacou o vicepresidente e deputado da área Efrén Castro.

As persoas interesadas poden presentar as solicitudes do 15 ao 18 de abril a través da páxina web da Vicepresidencia provincial, cumprimentando o os datos solicitados. A selección de participantes realizarase por rigorosa orde de inscrición e só se admitirán as solicitudes remitidas dentro do prazo establecido.

A primeira formación será Técnicas Básicas de Xoiaría I, con 52 horas, e que será impartida por Estefanía Gazol Valcarcel (Milbrumas) a partir do 22 de abril. Este curso celebrarase ata o 14 de maio, en horario de luns a xoves de 16.30 a 20.30 horas e contará cun máximo de 6 alumnos. Está pensado para todos os públicos e achegará unha visión xeral do taller e a introdución nos procedementos básicos de fabricación en ourivería.

Posteriormente, a ensinanza complementarase do 3 ao 24 de xuño co curso de xoiería creativa en horario de tarde de luns a venres. Neste caso, preténdese desenvolver a capacidade de investigación e creatividade do alumnado, co desenvolvemento libre de pezas de xoiería  a partir da combinación de materiais de distinta natureza. Xa no mes de novembro terá lugar a segunda parte de Técnicas Básicas de Xoiería, formación para que é necesario o certificado do curso que se celebra este mes.

Cursos de tear

Ademais, terán lugar dúas formacións en teares da man de Lourdes Otero, de Fusaiola. Os meses de maio e xuño, do día 6 de maio ata o 17 de xuño, está previsto o curso de Tear de Baixo Lizo cun total de 100 horas de formación de luns a xoves de 10 a 14 horas. Neste caso coñecerase unha visión xeral do taller e os sete alumnos realizarán unha introdución nos procedementos básicos e iniciaranse no tapiz. Xa no outono, entre o 14 de outubro e o 25 de novembro, terá lugar o tear de Alto Lizo, no que, ademais será o alumnado o que monte o seu tear e confeccione unha peza. Tamén será en horario de mañá e contará con 10 prazas.

Con estas propostas búscase poñer en valor o noso patrimonio, a nosa artesanía e as nosas tradicións. Tamén busca mellorar a empregabilidade “para que aquelas persoas que o desexen se formen de balde nestas áreas, achegando ademais novas alternativas laborais”.