Skip to main content
Lugo

As consecuencias do proxecto de Altri protagonizan unha nova mesa redonda no Campus Terra

Por 21 Abril, 2024Sin comentarios

O grupo de innovación docente Ruralia da USC aborda os posibles impactos e as consecuencias que o proxecto Altri podería ter en caso de chegar finalmente a instalarse en territorio galego, no marco dunha mesa redonda que se celebrará o vindeiro 23 de abril, a partir das 19.00 horas, na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior do Campus Terra.

Esta sesión, incluída no ciclo ‘Na EPSE queremos saber’, promovido polo grupo Ruralia, contará como relatores con tres docentes e investigadores no Campus Terra da USC, tal e como son Eduardo Corbelle, Montserrat Valcárcel e Manuel A. Rodríguez Guitián. Estes abordarán nas súas respectivas intervencións os posibles impactos que a macro-planta de Altri podería ter en distintos ámbitos: modelo forestal, recursos hídricos e flora e hábitats naturais.

O doutor Enxeñeiro de Montes e profesor da área de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría Eduardo Corbelle, que centra a súa liña de investigación principal na xestión de terras, tratará na súa intervención o impacto que esta industria pode ter no afondamento do modelo forestal baseado no eucalipto e a produción de madeira de baixo valor.

A actual parlamentaria autonómica Montserrat Valcárcel, doutora en Enxeñaría Agrónoma é profesora na área de Hidráulica e Hidroloxía da USC, explicará o impacto que o consumo de auga que precisa o proxecto Altri pode ter a nivel da bacía do Ulla. Asemade, o tamén docente da área de Produción Vexetal da USC e doutor en Bioloxía Manuel A. Rodríguez Guitián, analizará os informes de avaliación sobre a flora e hábitats que forman parte da documentación sometida a exposición pública e a súa transcendencia no marco dunha iniciativa empresarial declarada como “proxecto industrial estratéxico”.