Skip to main content
Lugo

Lugo acolle a primeira Reunión CardioPrimaria que aborda os últimos avances na área de cardioloxía

Por 20 Abril, 2024Sin comentarios

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, interveu no acto inaugural da I Reunión CardioPrimaria, que organiza a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG), subliñando o traballo dos profesionais. Segundo dixo o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, esta reunión servirá para coñecer os últimos avances en termos de prevención e manexo dos pacientes, e para subliñar a estreita relación entre os profesionais de cardioloxía hospitalaria e a atención primaria.

Na súas verbas, o conselleiro remarcou o papel fundamental da e-interconsulta e, ao respecto dixo que, no pasado ano, os profesionais do Sergas realizaron preto de 33.000 de cardioloxía, todas elas procedentes de atención primaria. Do mesmo xeito, cómpre salientar a aplicación de ferramentas como HERMES, na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, así como o gran esforzo que se está a realizar na totalidade das áreas para potenciar as consultas de alta resolución, tentando resolvelas no mesmo día.

Segundo o conselleiro, quen estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Ramón Ares, e pola presidenta da SEMG, Pilar Rodríguez Ledo, a enfermidade coronaria ten que ser unha prioridade e, por iso, no 2005 a Xunta puxo en marcha o Programa galego de atención ao infarto agudo de miocardio (PROGALIAM), que é pioneiro nunha comunidade autónoma pluriprovincial.

Atención ao shock cardioxénico

Este programa foi precursor á hora de desenvolver unha rede capaz de identificar, dun xeito precoz, os pacientes que sofren un infarto agudo de miocardio. Na súa actualización, Caamaño dixo que foi crucial a colaboración dos profesionais de atención primaria. No 2014, o Parlamento de Galicia aprobou unha iniciativa que animaba á creación dun rexistro único de ámbito galego capaz de recoller toda a información sobre morbimortalidade no que atinxe ao infarto agudo de miocardio. O traballo materializouse na Orde da que xorde o Rexistro galego de infarto agudo de miocardio (REGALIAM).

Na súa intervención, Caamaño incidiu en que, no que atinxe á saúde cardiovascular, o Sergas está a desenvolver un proceso asistencial de cara á atención ao shock cardioxénico, co obxectivo de facilitar a administración de tratamentos avanzados e mellorar a supervivencia destes pacientes.