Skip to main content
Lugo

A CIG mobilízase en Lugo contra a sobrecarga de traballo en Gadis

Por 20 Abril, 2024Abril 21st, 2024Sin comentarios

A CIG concentrouse diante do supermercado Gadis da avenida Ramón Ferreiro para denunciar a sobrecarga de traballo que ten que soportar o persoal e esixir que se respecten os dereitos laborais, nomeadamente a regularización das categorías laborais, xa que un elevado número de traballadoras e traballadores na provincia está cobrando menos do que lle correspondería polas tarefas que desempeña.

Con esta concentración, advirte Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, dáse comezo a un calendario de mobilizacións que se repetirán por toda a provincia. “Se Gadis non responde ás solicitudes de reunión e continúa sen facilitarlle ás delegadas e delegados da CIG (que ostenta a maioría absoluta do comité) a información que ten obriga de entregar”. Como cuestións máis urxentes a resolver, destaca a necesidade de reforzar os cadros de persoal e que a empresa cubra todas as ausencias que se rexistran nas tendas, tanto nas baixas como nas vacacións.

Pon o exemplo extremo dun estabelecemento no que das 13 traballadoras, 7 causaron baixa médica por diversos motivos e as 6 compañeiras restantes tiveron que asumir toda a carga de traballo porque Gadis non fixo ningunha substitución. Este situación insostíbel prolongouse durante máis dun mes e algunhas das traballadoras “tiveron que prolongar a súa xornada laboral até ás 2 da madrugada para poder sacar adiante as tarefas e que a tenda seguira funcionando”.

Por se non fora abondo, denuncia o representante da CIG-Servizos, como “recompensa polo seu sacrificio e o seu esforzo, a empresa presiona o persoal cando está de baixa médica para que acurte a duración desta, incluso no caso das traballadoras que teñen un embarazo de risco”. Ademais da sobrecarga laboral, con esta concentración tamén se lle reclamou a Gadis que proceda a regularizar as categorías.

Salarios por debaixo da categoría

Sinalan que das arredor de 700 traballadoras que ten na provincia, unha parte moi importante -que a CIG-Servizos calcula no 30% do cadro de persoal- está percibindo salarios por debaixo da categoría que lles corresponde segundo o convenio. “Para soster esta irregularidade Gadis dedícase a discutir as funcións que realiza cada persoa”, denuncia.

Para tratar estas problemáticas, a representación da CIG leva meses intentando reunirse coa empresa “pero Gadis négase a falar con nós, non responde ás nosas solicitudes e nin sequera lle entrega ás delegada e delegados a documentación que por lei está obriga a facilitar”. Estas vulneracións dos dereitos laborais e as actuacións antisindicais xa foron postas en coñecemento da Inspección de Traballo para que adopte as medidas oportunas. Pero alén das denuncias na Inspección, a CIG convocará novas protestas se Gadis continúa sen atender as demandas do comité e sen respectar os dereitos do persoal. “Se é preciso, estaremos cada semana diante dunha tenda até que se resolva esta situación”.