Skip to main content
Lugo

Os veciños de Santa Comba, en Lugo, reclaman maior control da calidade do aire

Por 20 Abril, 2024Sin comentarios

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, xunto co tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantiveron unha xuntanza coas veciñas e veciños de Santa Comba para recoller as súas reclamacións sobre a situación da planta de Tableros Hispanos e as emisións contaminantes da mesma. Olalla Rodil lembrou que “desde o BNG mantivemos xuntanzas coa veciñanza afectada, residentes a pouca distancia da fábrica, que desde hai anos veñen denunciando os altos niveis de ruídos e as emisións de fumes que padecen nas súas vivendas”.

“É preciso que a empresa cumpra coas medidas de control marcadas pola normativa ambiental e que desde o Goberno se amplíen os controis deste tipo de emisions”, afirmou Olalla Rodil, que anunciou que o BNG levará esta situación ao Parlamento “para garantir o benestar da veciñanza de Nadela”

As veciñas e veciños denuncian que a contaminación do aire producida polas emisións de Tableros Hispanos estalles a producir graves molestias de saúde, entre as que se atopan inflamacións nos ollos e nas vías respiratorias. Desde o BNG recóllense as reclamacións veciñais e reclamará instalación dunha estación de control da calidade do aire, e a medición diaria das partículas PM10 e PM2,5 por parte da propia administración.