Skip to main content
Lugo

O PP pide un Plan de Mellora dos accesos a Lugo e denuncia o estado da entrada polo Ceao e a Ronda Norte

Por 20 Abril, 2024Sin comentarios

Antonio Ameijide suspende ao Goberno local pola imaxe que ofrecen aos viaxeiros as entradas á cidade así como polas dificultades e ata inseguridade que ocasionan á cidadanía circular por elas xa que “falta iluminación, mantemento do firme, limpeza en profundidade nalgunhas infraestruturas como a ponte branca así como renovar e mellorar a sinalización”.

Para o popular “é prioritario coidar as entradas á cidade, por seguridade viaria, e porque son a nosa carta de presentación e de despedida para quen nos visita” polo que considera esencial que se faga un mantemento impecable delas e unha importante mellora nalgunhas. Catro dos accesos son competencia do concello: a entrada pola Fervedoira, a entrada polo CEAO e o tramo municipal da N-VI entre Avenida Américas e ponte branca e a Ronda Norte.

Deste xeito denuncian que a rotonda de Nadela, a entrada estratéxica á cidade, está sen iluminación. Este punto é a arteria principal para acceder e saír de Lugo, que conecta a N-VI coa A-6; saída tamén cara Monforte, Sarria e zona Sur da Provincia a través do corredor autonómico que da acceso ao núcleo de Nadela.

Con respecto ao tramo da N-VI que transcorre polo núcleo de Nadela, aseguran que seguen no mesmo punto, sen conseguir que o Goberno central ceda a titularidade deste treito para que o Concello poida levar a cabo as comprometidas actuación de humanización desta vía e avanzar na conexión da trama urbana da cidade coa zona fluvial, sempre tendo en conta a prioridade de preservar o entorno.

No caso da entrada pola Fervedoira, piden a ampliación e mellora da vía, garantindo a seguridade de peóns, usuarios do transporte público e de condutores; a renovación das luminarias; a colocación de sinais cinexéticas, xa que neste tramo déronse algúns accidentes de atropelos de corzos e xabaríns; mecanismos para redución de velocidade; rozas máis periódicas para evitar que a maleza tape sinais e entorpeza o paso de os vehículos máis altos.

Ronda Norte e acceso polo Ceao

Pola súa parte, a Ronda Norte é unha das vías con maior intensidade de tráfico. Para eles continúa na actualidade precisando importantes melloras, xa que segue sen desdobrar e e sen iluminación. Polo que urxe unha obra de desdobramento e iluminación para garantir a seguridade nesta vía. No caso da entrada polo Ceao, denuncian que o pavimento se atopa destrozado, o que incrementa máis o risco de accidentes, nunha zona onde se suceden a diario colisións.

Piden a mellora do firme na N-VI dende Outeiro de Rei e denuncian o estado de abandono dende o acceso dende a N-540 que conflúe na avenida das Américas, que carece de iluminación, ten o pavimento deteriorado e precisa dunha mellora importante de mantemento e a instalación de iluminación. Por último, tamén solicitan a limpeza da Ponte Branca e no caso de entrar á cidade pola Volta da Viña, denuncian que se trata dun dos cruces con máis tráfico da cidade, mal regulado, con problemas para os peóns e onde son frecuentes os accidentes.