Skip to main content
Lugo

Obras de balde, contacontos e escape room: así celebra Lugo o Día do Libro

Por 22 Abril, 2024Sin comentarios

Lugo celebra o Día do Libro cun amplo programa de actividades. Este martes, a concellería de Cultura repartirá libros en todas as salas museísticas da cidade de Lugo co obxectivo de promover o hábito da lectura, “algo que é esencial para o desenvolvemento intelectual e social das persoas e que fomenta o pensamento crítico e enriquece o vocabulario”, explica e a concelleira responsable da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro.

Ademais, ás 19.30 horas terá lugar no Vello Cárcere a presentación da obra da persoa gañadora do  XXV Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que anualmente organiza o Concello de Lugo xunto coa colaboración de Edicións Xerais de Galiza.  Ferreiro destacou este certame como “unha cita consolidada xa no calendario cultural galego, co que anualmente descubrimos novas historias de gran calidade”.

Pola súa parte, a Biblioteca Municipal inicia as actividades de Animación á Lectura e Contacontos co Escape Room “Plan de Rescate” de Antía Yáñez. Está baseado nun libro da propia autora e consiste en escapar da biblioteca, polo que a rapazada terá que seguir as pistas e rescatar aos compañeiros e compañeiras que fiquen atrás en tan só unha hora.

Iniciación á lectura

A actividade comeza ás 18.00 horas e terá unha duración de 70 minutos. Está aberta para nenas e nenos a partir de 7 anos, con inscrición na propia Biblioteca ou no teléfono 982 297 414. As propostas deste programa divídense en catro trimestres, realizándose unhas 20 actividades ao longo do ano. Cada unha delas, está adaptada para as distintas idades das nenas e nenos participantes, achegando actividades de lecer para nenos desde 1 ano ata os 12 de xeito totalmente gratuíto para as familias.

O novo ciclo terá lugar entre o 23 de abril e o 13 de xuño, e achegará a Lugo a nomes recoñecidos como Antía Yáñez, Paula Carballeira, Pakolas ou Caxoto, que cumpre 20 anos percorrendo bibliotecas e escenarios de toda Galiza. As entradas para os espectáculos poden retirarse de xeito gratuíto a través do portal entradaslugo.es. Cada espectáculo conta cunha cabida de 70 persoas, permitíndose o acompañamento dun adulto.

O vindeiro 2 de maio, no MIHL, os cativos poderán gozar A Ramona pequena vai á lúa da man de de Pakolas, que conta e canta a historia dunha nena movida por constantes inquietudes que adora perderse entre as páxinas de Xulio Verne. O día 9 será a quenda de O Tesouro de Trécola Teatro. Trátase dun contaconto teatralizado no que, da man de dúas aventureiras, se irán coñecendo os contos. Da man dos seus protagonistas, descubriremos o tesouro que buscan: todos somos diferentes e isto é o máis divertido.

Migallas Teatro, Caxoto e Paula Carballeira

O 30 de maio chega Bea Campos de Migallas Teatro. Na aldea do queixo fresco os ratiños cantan cancións e escoitan divertidas historias como a da ratiña e a moeda de ouro ou a do rato que se agocha nun zapato. Sons e texturas apoian as historias e captan a atención dos nenos e nenas, nunha proposta sinxela e divertida para gozar en familia.

Xa en xuño, o día 6, presentarase Grandes Éxitos 2004-2024 de Caxoto, que leva xa 20 anos percorrendo bibliotecas e escenarios de toda Galiza. Para celebrar esta efeméride, decidiu facer unha selección dalgún dos seus maiores éxitos, centrándose na parte máis musical, para dar lugar a un espectáculo festivo, cheo de contos e cantos.

O día 13, chega Paula Carballeira con Tres irmás, tres camiños e tres grandes perigos. En moitos contos hai tres irmás: a maior, a do medio e a pequena, pero en poucos contos teñen nome, nome propio, e o nome é importante para que se lembren de ti e da túa aventura. En moitos contos hai camiños, a miúdo é un só camiño, pero se hai tres, cada irmá pode escoller o seu propio destino.