Skip to main content
Lugo

Lugo recupera nun concerto os salterios medievais, os instrumentos esquecidos no tempo

Por 24 Abril, 2024Sin comentarios

Mikel Uriarte.

Lugo acolle o primeiro ciclo de Concertos Medievais Lugo de Trovas e Cantigas,  con catro concertos en emprazamentos singulares e simbólicos desta etapa histórica na provincia, que se desenvolverán nos vindeiros meses.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía e Deseño, organiza, organiza a cita que comeza este mércores na Capela de Santa María cun concerto ponencia centrado nos salterios medievais e a súa recuperación. A artista Begoña Olavide e o luthier Carlos Paniagua serán os encargados de poñer son e historia a este instrumento, a partir das 21.00 horas, e con entrada de balde.

Os salterios medievais son instrumentos desaparecidos, esquecidos no tempo e ausentes en museos e coleccións. Este instrumento vese representado en un gran número de esculturas, pinturas e miniaturas de códices en toda Europa, o que dá a entender a importancia deste instrumento durante toda a idade media. Olavide e Paniagua achegan así a Lugo os seus coñecementos e longa experiencia na recuperación deste instrumento co que presentarán reproducións de distintos tipos de salterios construídos no seu taller de luthería ao tempo que explican as características e mostran os peculiares sons.

O vicepresidente da Deputación e Deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro destacou a importancia do concerto “que abre o ciclo de música medieval, o primeiro destas características en Galicia” e convidou a asistir a esta cita coa que “a sociedade lucense se achegará á historia da nosa tradición e poderá coñecer unha nova parte da historia da música”.

Curso de música medieval

Dentro da proxección que a Vicepresidencia da Deputación busca dar á música medieval, este xoves 25 de abril comeza a segunda edición do curso Sons dos Camiño. Trátase dunha formación na interpretación destes sons nun programa dirixido e coordinado por Francisco Luengo e que conta con interpretes de recoñecemento internacional como Manuel Vilas,  Bor Zuljan, Begoña Olavide ou Paloma Gutiérrez del Arroyo, ademais do propio Luengo.

Esta segunda edición, que se celebrará no Centro de Artesanía e Deseño ata o vindeiro domingo, 28 de abril, vertebrarase en torno ao Códex Calixtinus e á monodia conservada neste coñecido manuscrito do século XII. Arredor de 40 persoas traballarán pezas de tradición oral e sobre o propio manuscrito, así como notacións máis antigas que codifican outras pezas que serviron como modelo para construír a liturxia do apóstolo Santiago.

Todo iso, co obxectivo de entender a modalidade medieval e o xesto vocal destes cantos e de trasladar eses coñecementos á memorización e á codificación de pezas melismáticas e de ritmo libre da tradición oral viva. Os asistentes traballarán pezas instrumentais do repertorio medieval, danzas e cantigas. Impartiranse clases de técnica adaptada ao nivel de cada participante. Tamén teranse que enfrontar ao reto de como acompañar a monodia vocal, cando non hai apenas indicacións nen indicios de como era esa práctica. As persoas interesadas en participar poden mandar os seus datos ao correo info.centrad@deputacionlugo.org ata o mércores 24 de abril. A inscrición é de balde.