Skip to main content
Lugo

Lugo homenaxea o compromiso solidario dos radioafeccionados

Por 24 Abril, 2024Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, agradeceu a vontade altruísta e o compromiso social dos radioafeccionados que colaboran con Protección Civil durante o acto de entrega de diplomas concedidos a membros que forman parte da Rede Nacional de Radio de Emerxencia (REMER) da provincia. No acto, celebrado na Subdelegación do Goberno, estiveron presentes  cinco das once persoas homenaxeadas este ano: Enríquez Fernández Fraga, José R. Lorenzo Fernández, Urbano L. Enríquez Arias, Jesús Manuel Rodríguez Iglesias e Jose R. Maseda Lafuente.

Isabel Rodríguez trasladou en nome do Goberno “un recoñecemento e agradecemento especial por poñer a disposición de todos os lucenses o voso tempo e os vosos coñecementos en situacións de emerxencia, estando sempre presentes cando a sociedade vos necesita”. A este respecto, subliñou a progresiva formación e profesionalización dos seus membros para garantir a mellor atención e resposta no eido da seguridade cidadá.

En palabras da subdelegada, a REMER “ten un papel fundamental de apoio á Protección Civil, non só como sistema alternativo e complementario de comunicacións senón tamén como elemento captador de información relevante sobre calquera situación de crise”. Aínda que van aparecendo avances tecnolóxicos, “a radio segue a ser unha ferramenta fundamental de traballo, demostrando a súa eficacia en situacións de emerxencia como apagóns, interferencias ou deficiencias de cobertura”.

A subdelegada explicou que o acto busca o obxectivo ano tras ano “de homenaxear ás persoas que forman parte da REMER, posibilitando que conserve o seu espírito solidario dun xeito exemplar”.