Skip to main content
Lugo

Aumentarán as prazas en Lugo ao abrir os aparcadoiros do IES Virxe do Ollos Grandes e do Lucus Augusti

Por 25 Abril, 2024Abril 26th, 2024Sin comentarios

O pleno municipal do Concello de Lugo aprobou a iniciativa do BNG para reclamar apertura de aparcadoiros en edificios dependentes da Xunta. O concelleiro do BNG de Lugo, Alexandre Penas, afirmou que o Concello “é exemplo de como as institucións poden poñer á disposición das veciñas e veciños as infraestruturas públicas, tal e como aconteceu coa apertura ao público, polas tardes, do aparcadoiro do Seminario”. Ese espazo, explica Penas, pasou de estar reservado a persoal do Concello a ser accesible para toda a veciñanza, abrindo un camiño que debe prolongarse para optimizar os recursos públicos dispoñibles para mellorar a mobilidade dentro da cidade, insiste o portavoz do BNG.

A proposta insta á Xunta de Galiza a abrir os aparcadoiros dos IES Virxe do Ollos Grandes e Lucus Augusti e da Facultade de Formación do Profesorado pola tarde nun horario “que non afecte ao uso educativo dos distintos espazos, optimizando o espazo público para o estacionamento de vehículos, e garantindo máis capacidade de estacionamento na contorna do centro da cidade de Lugo”, conclúe o edil do BNG. A proposición foi aprobada co apoio de BNG e PSOE, e coa abstención do PP.

En Lugo existen outros espazos xestionados pola Xunta que poderían ampliar a capacidade de estacionamento na contorna do centro da cidade e que beneficiaría o acceso das veciñas e veciños a esta zona. Para Alexandre Penas “é positivo que se incremente o número de prazas de aparcadoiro na zona do parque e da Avenida Ramón Ferreiro aproveitando os aparcadoiros do IES Virxe do Ollos Grandes, Lucus Augusti e da Facultade de Formación do Profesorado”, na actualidade con prazas reservadas as 24 horas para vehículos autorizados e inaccesibles para o público xeral, explica.

Críticos coa actitude da Xunta

Ao remate do pleno, Arroxo destacou que o Partido Popular “adícase a marxinar á cidade de Lugo desde a Xunta de Galiza mentes pide que desde o Concello se asuma máis traballo” e que os debatea arredor das prazas de estacionamento na contorna do centro da cidade “demostran que o PP non traballa para as e os lucenses”.

O nacionalista tamén lembrou o traballo executado polo Concell0, tanto abrindo o aparcadoiro do seminario para toda a veciñanza nas tardes e fins de semana como “planificando as actuacións na vía pública co obxectivo de mellorar a fluidez do tráfico e gañar prazas de estacionamento”, afirmou Rubén Arroxo en referencia aos cambios executados coa peonalización da Mosqueira, que permitiron gañar 105 prazas de estacionamento.