Skip to main content
Lugo

A excelencia na reciclaxe do Concello de Lugo recibe o galardón de Pajaritas Azules

Por 25 Abril, 2024Sin comentarios

O Concello de Lugo foi galardoado na octava edición da entrega de premios Pajaritas Azules pola excelencia da súa xestión na recollida selectiva para a reciclaxe de papel e cartón. O edil de Trasición Ecolóxica, Miguel Fernández, foi o encargado de recoller o premio na gala organizada por Aspapel en Madrid. “Tras unha evaliación moi esixente, recibir a Pajarita Azul sitúanos nun selecto grupo de municipios dentro do Estado elixidos por contar coas mellores prácticas para incentivar e executar o acto de reciclar cartón e papel”, indicou o concelleiro.

Estes galardóns concédense a partir da avaliación anual de 21 indicadores que analizan todos os aspectos que incumben á recollida do colector azul e recollidas complementarias, campañas de información e concienciación cidadá, regulación e planificación da xestión, así como taxas de recollida e rastrexabilidade. Debido a que cada ano o Programa é máis esixente, as entidades que participan en Pajaritas Azules incorporaron importantes melloras. Este é o caso de Lugo, que acadou o distintivo por implementar o procedemento de control de calidade exemplar cualificado como excelente pola organización.

No compromiso coa reciclaxe azul a nivel nacional, 47 entidades locais e agrupacións de municipios de 15 comunidades autónomas foron recoñecidas pola súa excelencia na xestión da recollida selectiva para a reciclaxe de papel e cartón, as cales prestan servizo a case 14 millóns de habitantes comprometidos coa reciclaxe. En 2023 recolléronse selectivamente no noso país 4,4 millóns de toneladas e recicláronse 5 millóns de toneladas de papel e cartón usado. Estes datos seguen posicionando a esta industria como un referente en Europa, facendo que España sexa o terceiro país da Unión Europea con maior volume de reciclaxe deste material.

Durante a gala, que estivo presidida por Miryam Álvarez Páez, Secretaria Xeral de Coordinación Territorial, o presidente de Aspapel, Eduardo Querol, puxo de relevo que o esforzo de municipios como o de Lugo permite a España alcanzar resultados que o sitúan na cabeza da UE. “Segundo os últimos datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en 2021 recicláronse case oito de cada dez envases de papel e cartón, unha cifra que supera con catro anos de antelación o obxectivo establecido para 2025”, concluíu Querol.