Skip to main content
Palas de Rei

O estado das vías municipais e a ausencia dun plan de mantemento: as preocupacións do PSOE de Palas

Por 24 Abril, 2024Sin comentarios

A voceira municipal do Grupo Municipal do PSdG-PSOE de Palas de Rei mantivo unha reunión co presidente da Deputación e responsable de Vías e Obras, José Tomé. O primeiro encontro desta lexislatura para iniciar un proceso de contacto e comunicación periódica para trasladar ao executivo provincial as principais demandas e necesidades do noso concello.

Sobre a mesa mantéñense a preocupación polo estado das vías municipais e a ausencia dun plan de mantemento e intervención anual. Destacan a inversión que a Deputación Provincial favorece ao abeiro do Plan que no caso do Concello de Palas de Rei, para este ano 2024, supón unha achega de 378.134,67 euros.

Ademais, o municipio destinará un total de 209.593,16 euros desa achega a infraestruturas, pavimentación e intervención de vías municipais e 113.197,21 euros para reforzo de emprego. “É responsabilidade do executivo local unha redistribución dos recursos de forma obxectiva, responsable e planificada. Nesta liña, é especialmente preocupante o feito de que non se aprobaran os orzamentos para o ano 2024”.

Sinalan que dende o pasado 31 de decembro de 2023 contan cuns orzamentos prorrogados ao non contar cun novo presuposto. “O problema é que a prórroga automática está limitada ás partidas básicas do presuposto, o que obriga a realizar continuas modificacións de crédito para atender as necesidades”.

Por outra banda, o encontro serviu tamén para dar traslado da preocupación polo estado dalgunhas vías provinciais, obtendo o compromiso de valorar e ofrecer unha resposta a esta situación. Dende o grupo municipal reiteran o compromiso adquirido coa veciñanza á hora de xestionar e dar resposta ás demandas relacionadas cos servizos e necesidades que existen no noso territorio.