Skip to main content
Axenda RIBEIRASACRAXAMonforte

O XXXI Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte estreará 9 obras teatrais

Por 4 Abril, 2024Abril 5th, 2024Sin comentarios

O XXXI Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte, convocado e organizado polo Concello de Monforte de Lemos a través da súa Concellería de Cultura, contará coa estrea de 9 obras correspondentes ós Centros educativos da cidade que participan neste certame.

Deste xeito, no Certame representaranse 9 obras de teatro, do 15 de abril ao 3 de maio de 2024 e todas as pezas escenificaranse ás 20.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, tal e como ven sendo habitual.

Os centros participantes nesta edición, son o CEE Infanta Elena, Colexio Ferroviario, o CEIP A Gándara, o CEIP de Monforte Colexio Novo, o IES A Pinguela, o IES Río Cabe, a ANPA do CEIP A Gándara, Colexio PP Escolapios e a Asociación Prodeme.

O Concello colaborará cos centros educativos participantes aportando material para a realización da obra por unha cantidade máxima de 100 euros por centro ou asociación. Os premios consistirán na gravación das obras representadas que serán entregadas ós centros participantes nun lapis de memoria, así como dun diploma acreditativo para cada un dos participantes. A entrega de premios será no Salón de Actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o 9 de maio de 2024 ás 18.00 horas.

Participantes no XXXI Certame Municipal de Teatro

  • CEIP A Gándara, coa obra “A historia xamais contada da Pombiña fachendosa”, que se representará o luns 15 de abril de 2024.
  • ANPA CEIP A Gándara, coa obra “Alicia, o tempo é relativo”, o xoves 18 de abril.
  • IES Río Cabe, coa obra “A Cincenta non quería perdices”, o venres 19 de abril.
  • CEIP de Monforte, coa obra “Tarta de mora”, o martes 23 de abril.
  • CEE Infanta Elena, coa peza “Vivan los libros”, o mércores 24 de abril.
  • Colexio P. Ferroviario, coa obra “Emocional mente”, o luns 29 de abril.
  • IES A Pinguela, coa obra “Mortes de risa”, o martes 30 de abril.
  • Colexio PP. Escolapios, coa obra “A pantasma de Canterville”, o xoves 2 de maio.
  • Prodeme, coa obra “Un médico a palos”, o venres 3 de maio.