Skip to main content
Chantada

Por Chantada critica o cheque do Concello de axudas para a natalidade e propón aspectos a ter en conta

Por 15 Abril, 2024Abril 16th, 2024Sin comentarios

Por Chantada aféalle ao PP que agora lles valla o “cheque-bebé que tanto criticaban con Zapatero” e pon sobre a mesa alternativas serias, xa que din que “as políticas de natalidade tradicionais baseadas en axudas económicas por fillo nacido demostrouse xa hai moitos anos a súa ineficacia, polo que foron substituídas por políticas baseadas no benestar da infancia e, por tanto, focalizadas en mellorar tanto o benestar das familias con menores e como no fomento do autoemprego na mocidade”.

Así, din que o Goberno municipal de Chantada aprobou unha medida de fomento da natalidade a través de axudas económicas directas ás familias que é “un despropósito, aprobada sen revisar e con absoluto descoñecemento das necesidades das familias e das políticas dirixidas á infancia”, explican.

Sosteñen que non se especifica en que se pode facer o gasto da axuda, non se especifica en que comercios se pode facer o gasto da axuda, as familias non poden saber se terán que marchar antes de que o fillo ou filla cumpran os catro anos, que recibe a mesma axuda unha familia sen ingresos que unha con 100 mil euros de ingresos anuais, que a axuda redúcese ao feito do nacemento en vez de á vida saudable da crianza durante os primeiros anos da súa vida, que “ignoran que o problema demográfico de Chantada non son o número de nacementos, que se mantén en números similares desde o 2000, senón a falta de oportunidades para o progreso social e económico da mocidade, que segue emigrando; ignoran os procedementos seguidos por outras administracións para a asignación de axudas similares ás familias, ignoran a situación das familias en risco ou situación de exclusión social que viven en Chantada, que sofren a falta de recursos e capacidade de atención por parte do Concello; ignoran a inexistencia en Chantada de recursos socioeducativos de atención diúrna para nenos e nenas con necesidades especiais de atención educativa provocadas por motivos familiares”.

Tamén explican que desde o Goberno “evitan facer as adaptacións urbanísticas necesarias nas rúas de Chantada para cumprir a normativa de accesibilidade e, por tanto, de mobilidade autónoma da infancia, dificultando, incluso, o tránsito pola rúa das familias cos carros e cadeiras de bebé, que se ven obrigadas a pór en risco a vida da crianza constantemente por causa do desleixo do goberno municipal”.

Aspectos a ter en conta

Por todo isto, e tal como presentaron no programa de Goberno de Por Chantada, haberá que ter en conta a adaptación das ordenanzas para bonificar en todos os servizos públicos municipais de pago as familias numerosas, monoparentais ou en situación de dificultade económica ou social; a axuda económica a recibir por todas as familias con nenos de 0 a 6 anos en cada un dos seis anos: unha axuda o primeiro ano, outra o segundo, outra o terceiro e así sucesivamente até o sexto; segundo as posibilidades orzamentais, haberá que estudar ampliar o período da axuda até os 12 anos contribuíndo a fixar a residencia das familias no noso termo municipal e acompañando as familias en todo o período.

Ademais, din que as axudas deben estar dirixidas a cubrir os gastos relacionados coa autonomía dos nenos e nenas, é dicir, para alimentación, saúde, hixiene e vestimenta; as axudas non poden ser universais, polo que só estarían destinadas a familias con rendas anuais inferiores aos 50.000 euros; os cartos da axuda só deberan ser canxeábeis en estabelecementos comerciais do Concello e seguindo o formato de pago que se aplica en axudas ás familias similares doutras administracións; as familias beneficiarias deberán gardar os xustificantes de compra por se lle foran requiridos nalgún momento para comprobación e a deben incluirse as axudas complemetarias ás familias con crianzas menores de 6 anos residentes en calquera núcleo rural do Concello, para compensar os gastos derivados do desprazamento ao Centro de Saúde para vacinación e control e seguimento pediátrico.

“Se queremos fixar poboación e axudar ás familias fagámolo en serio e traballemos tamén desde xa para construír futuro e que a mocidade teña oportunidades de futuro na nosa vila e non continúe emigrando”, conclúen.