Skip to main content
Quiroga

Bendilló acollerá o domingo a XXIV Mostra do Aceite de Quiroga

Por 19 Abril, 2024Abril 20th, 2024Sin comentarios

Quiroga comeza xa coa organización do recoñecemento dun dos produtos emblemas de Quiroga, o aceite, coa celebración da XXIV Mostra do Aceite, que se celebrará o 21 de abril, data escollida na xuntanza mantida entre olivicultores e representantes municipais.

A Mostra do Aceite desenvolverase no lugar das Farrapas, en Bendilló, onde a recreación da elaboración tradicional no muíño e a venda do aceite de oliva de Quiroga serán os puntos centrais desta xuntanza.

A falta dun mes para a súa celebración, ábrese o prazo de inscrición para participar nesta Festa de Interese Turístico de Galicia e o número de colleiteiros está limitado a 8, polo que os interesados en participar serán seleccionados por orde de inscricións no rexistro de entrada das oficinas municipais.

Entre os requisitos imprescindibles serán contar co rexistro sanitario vixente e ter unha colleita mínima de 200 litros de aceite. No momento de realizar a inscrición, que se poderá facer ata o 27 de marzo, é obrigatorio presentar unha mostra dun litro de aceite en envase de cristal para realizar posibles catas.