Skip to main content
ChantadaO Saviñao

A Deputación investirá máis de 200.000 euros en mellorar estradas de Chantada e do Saviñao

Por 20 Abril, 2024Abril 21st, 2024Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou novos investimentos por 210.000 euros para obras de acondicionamento de tres estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Chantada e do Saviñao, seguindo “na liña de mellorar a mobilidade no conxunto da provincia como un dos nosos obxectivos prioritarios”, explicou a voceira socialista do Executivo, Pilar García Porto.

No caso de Chantada, a Xunta de Goberno acordou licitar a mellor de dúas vías provinciais cun orzamento de preto de 117.000 euros. Trátase da LU-P-1803, que une Camporramiro con Castro de Carballedo por Vilaúxe, entre os quilómetros 1,3 e 4,2; e da LU-P-1818, que conecta os núcleos de Xedive e Vilaúxe. Nos dous casos, as obras consisten na reapertura de cunetas, a limpeza da drenaxe, a reparación do firme, a pavimentación e a sinalización vertical. O prazo de execución é de 2 meses.

E canto ao Concello do Saviñao, a Deputación actuará na estrada LU-P-5810, que conecta a estrada provincial LU-P-5804 (de Rebondiego a Morgade) con Eirexafeita por Cazón. Así, aprobou licitar un proxecto valorado en 90.000 euros para acometer a reapertura de cunetas, a reparación do firme e a pavimentación nos 6,8 primeiros quilómetros da estrada. O prazo de execución é tamén de 2 meses.

Por outra banda, na Xunta de Goberno desta mañá saíu adiante a adxudicación directa da parcela número 20 do polígono industrial dos Acivros, en Chantada, á empresa Airas Moniz por 45.560 euros.

Desta forma, explicou a voceira socialista do Goberno, na parque empresarial chantadino, das 49 parcelas existentes, están vendidas 38 e hai solicitudes rexistradas para as 11 que restan.