Skip to main content
Deportes RIBEIRASACRAXAMonforte

Monforte e a Deputación aportan 10.000 euros para acoller o Campionato de España de Taekwondo

Por 25 Abril, 2024Abril 26th, 2024Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello, Óscar Rodríguez, e o director deportivo do Ximnasio Neka, José María Vega, presentou o Campionato de España de Taekwondo, que se celebrará na cidade de Monforte de Lemos o sábado 4 de maio.

Na súa intervención, o rexedor monfortino informou que “tanto dende o Concello de Monforte, como tamén dende a Deputación de Lugo que presido, sabemos da importancia que un campionato destas características ten para calquera cidade. Por iso, quero resaltar o importante esforzo económico de ambas institucións á hora de apoiar o Campionato de Taekwondo”.

Neste senso, mediante os correspondentes convenios de colaboración que se asinará co Club Neka, o Concello de Monforte achegará unha axuda de 5.000 euros para o Campionato e o Deputación Provincial de Lugo tamén se aportarán outros 5.000 euros, “aportando o 66,6 %, que son dous terzos do custo do canon de 15.000 euros que a Federación Española de Taekwondo estipulou para conceder a celebración do Campionato na nosa cidade”.

Este Campionato de España de Taekwondo celebrarase no novo pavillón polideportivo de A Pinguela e agárdase que reúna uns 350 taekwondistas procedentes de 15 comunidades autónomas de toda España, que competirán nas modalidades de Poomsae e Freestyle.

As condicións que ofrece o novo pavillón da Pinguela, xunto cos éxitos acadados nos últimos anos polos taekwondistas monfortinos, foron decisivos para a consecución deste campionato para Monforte, que competía coas cidades de Malaga e Torrevieja.

O rexedor aproveitou para recoñecer o traballo do Club Neka, felicitar ao seu director deportivo, José María Vega, como mellor adestrador de España e agradeceu á Federación Española de Taekwondo que apostara finalmente por Monforte para celebrar este campionato. E recoñeceu os éxitos acadados polos taekwondistas monfortinos nos últimos anos “motivo polo que merecen que se celebre un Campionato de España na súa cidade”.

O rexedor monfortino desexou “que este Campionato de España de Taekwondo traia a Monforte un alto nivel de competición, que os nosos deportistas triunfen, e que resulte todo un éxito, porque será o éxito de todos”.

José Tomé recordou que “nos primeiros 15 días do mes de maio Monforte acollerá dous campionatos de España, o de Taekwondo o día 4 e o Campionato de España Masculino de Pitch Putt de Golf que se celebrará a fin de semana do 11 e 12 de maio, polo que creo que vai ser unha primeira quincena de maio espectacular a nivel deportivo na nosa cidade”.

Neste senso, o rexedor monfortino resaltou que “o impacto socioeconómico será moi significativo e ademais, serviranos para dar a coñecer a nosa cidade e a Ribeira Sacra a todas esas persoas que veñen non so a competir, senón tamén as persoas que os acompañan como familiares e amigos”.

Agárdase que estes encontros deportivos traian en cada un desas dúas fins de semana de maio a centos de visitantes, que suporán un importante revulsivo económico para a cidade e para a Ribeira Sacra.

O Campionato, en detalle

O director deportivo do Neka, José María Vega, explicou os pormenores dun Campionato que aínda ten aberta a súa inscrición, ata as 12 da noite do xoves, e que leva anotados uns 300 deportistas, aínda que se espera chegar ós 350. Entre eles, estarán 11 taekwondistas monfortinos.

En Sénior, Alejandro Losada, Marco García, Carlos Rey, Daniel Areán y Laura Álvarez. En Júnior, Aitor Teijeiro, Alan David Bustamante e Lucía Roca. En Cadete, Inés Casal, Aya Jabni e Alicia Castro.

O responsable do Club Neka destacou que na decisión da Federación Española de traer o campionato a Monforte pesaron moito as condicións que ofrecen o novo pavillón da Pinguela.

As modalidades de competición serán as de Poomsae e Freestyle, que son de exhibición individual, de técnica e con acompañamento musical.

Para participar neste campionato poden inscribirse deportistas dende os 11 anos ata os 78, pero é condición indispensable formar parte dunha selección autonómica, polo que así se garante o alto nivel técnico dos deportistas participantes.

Xa se conta coa participación de 15 das 17 federacións autonómicas españolas (queda por confirmar se se apuntarán deportistas de Canarias e Baleares), federacións que moven un alto número de acompañantes, entre deportistas, staff técnico, familiares e amigos. A entrada ten un custo de 5 euros, marcado pola Federación Española de Taekwondo.