Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

As rutas fluviais pola Ribeira Sacra acolleron preto de 2.200 viaxeiros durante a Semana Santa

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou a boa acollida que tiveron as rutas fluviais pola Ribeira Sacra no inicio desta tempada 2024, ao alcanzar preto de 2.200 viaxeiros e viaxeiras durante a Semana Santa.

Consolídase así o éxito dunha oferta que é “un dos piares da estratexia que impulsamos dende a Deputación para favorecer un turismo de calidade e sostible”, e que, subliñou o mandatario provincial, ten “un claro retorno económico, de xeito directo, sobre todo para o sector turístico, a hostalería e o comercio, porque incentiva o consumo e as pernoctas; pero tamén en termos de promoción, cun impacto moi importante, porque a gran maioría das persoas que desfruta das viaxes, ou ben volven á Ribeira Sacra, ou ben se converten en embaixadores da gran riqueza patrimonial desta comarca e da provincia, o que anima a máis xente a vir”.

As cifras de viaxeiros desta pasada Semana Santa son similares ás rexistradas na pasada tempada, a pesar do mal tempo de frío e chuvia que afectou a toda España durante estas datas festivas. As embarcacións viaxaron practicamente completas nos días grandes, dende o Xoves Santo ao Domingo de Resurreción, en todas as travesías con familias e grupos que xa reservaran con anterioridade.

En canto á orixe do visitante, na súa maioría foi de procedencia nacional, especialmente de comunidades autónomas como Madrid, Asturias, País Vasco, Castela e León, Cataluña, e incluso de Santa Cruz de Tenerife. Ademais, hai que destacar a importante afluencia de persoas doutros puntos da provincia de Lugo e do resto de Galicia.

É tamén relevante o dato de que para a meirande parte dos viaxeiros foi a primeira vez que vivían esta experiencia turística única, xa que permite descubrir este enclave natural Reserva da Biosfera dende outro punto de vista.

  Previsións positivas para a temporada

O presidente da Deputación asegurou ademais que as previsións para esta temporada son positivas. Os datos actuais indican unha ocupación do 70% para o resto deste mes, grazas ás reservas previamente realizadas. De feito, para a ponte do 1 de maio, quedan xa poucas prazas libres nos tres percorridos ofrecidos polo Canón do Sil. Isto vén a demostrar unha tendencia crecente na planificación anticipada das viaxes.

Para o período completo da temporada, que se estende ata decembro, rexistráronse xa máis de 12.000 reservas. Estes números subliñan unha demanda continua e un interese estable nos vindeiros meses, mantendo unha oferta atractiva e adaptada ás preferencias dos viaxeiros.

A Deputación destina a este servizo turístico un orzamento aproximado de 800.000 euros, o que demostra o compromiso da institución por un turismo de calidade que ten un impactoeconómico directo na hostalería e no comercio, tanto na comarca como no conxunto da provincia de Lugo.

Reservas, datas e horas

As persoas interesadas en realizar as rutas poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es e no caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionan dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo conta cunha capacidade total de 63 viaxeiros.

Neste mes de abril, os catamaráns da Deputación navegan de mércores a domingo pola ruta Canón do Sil, e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana. Igual que durante o mes de maio, no que tamén haberá servizo en ambas rutas o primeiro luns do mes, pola festividade do Traballo, e o día 17, con motivo das Letras Galegas. No Canón do Sil, en xuño, xullo, agosto e setembro, haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña.

A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana. Tamén haberá servizo en horario de mañá e de tarde o mércores 1 de novembro, coincidindo co día de Todos os Santos.

No caso da viaxe que parte de Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 1 de novembro. Ambas rutas rematarán a tempada a final de ano, con viaxes todos os días do 2 ao 10 de decembro.