Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca TERRACHÁXASamos

Abre o luns o prazo para os campamentos de verán en Galicia

Por 14 Abril, 2024Sin comentarios

Samos contará cun novo de carácter nacional e o Castro de Viladonga repetirá co destinado a galegos residentes no exterior.

A programación da campaña de campamentos de verán para este ano 2024 contará cun novo récord de prazas: serán máis de 11.500, 300 máis que na pasada edición. Ademais, contará con novas instalacións e actividades que lle permitirá á xuventude vivir O teu mellor verán, tal e como recolle o lema deste ano.

Entre as novidades destacan catro novos campamentos: en Boiro, de índole artístico; no Monte do Gozo (Santiago), que terá como temática a música; no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá; e tamén un novo campamento en Allariz, no Centro de Formación Valverde. Incluirase tamén unha convocatoria específica para persoas con discapacidade que volverá a contar con 250 prazas.

Con respecto aos campos de voluntariado, crearanse seis novos: cinco de carácter nacional: Aranga (A Coruña), Samos (Lugo), Ribadavia (Ourense), Poio (Pontevedra) e en Ponteareas (Pontevedra); e outro de carácter internacional, na Merca (Ourense). Tamén se repetirá o campo de voluntariado específico para persoas galegas no exterior no Castro de Viladonga (Castro de Rei).

Ademais, impulsarase un novo programa de ocio alternativo, dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos en cinco instalacións de toda Galicia de xoves a domingo. Terá lugar nos albergues xuvenís de Allariz, Cabana de Bergantiños e A Devesa (Ribadeo), así como no complexo Cemar de Mondariz ou no albergue montañas de Trevinca (A Veiga).

Esta oferta compleméntase cos minicampamentos Coñece Galicia, cuxa oferta se dará a coñecer máis adiante; e cos intercambios con outras comunidades autónomas. Neste respecto, á oferta tradicional sumaranse novos campamentos en Estremadura e en Castela a Mancha, con temática teatral e que terá lugar no albergue de San Servando, en Toledo.
Apertura de prazo

O Diario Oficial de Galicia publicará a oferta de campamentos o luns 16 de abril. A partir do día seguinte —do mércores 17— e ata o 30 de abril, permanecerá aberto o prazo para solicitar praza. Os campamentos deberán solicitarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mentres que os campos de voluntariado faranse a través dun formulario na páxina web de Xuventude.

A oferta con todos os campamentos de verán dispoñibles poderase consultar desde hoxe mesmo na páxina web de Xuventude. Deste xeito, as familias e os rapaces poden planificar as súas datas e destinos favoritos.